Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprazan a saída da regata en que participa o rei honorífico polo tempo

Aprazan a saída da regata en que participa o rei honorífico polo tempo

As condicións meteorolóxicas con pouco vento dificultan a práctica deportiva

Don Xoán Carlos I agarda no peirao por unha posible saída máis tarde

O luns viaxa a Madrid para reunirse na Zarzuela co rei Filipe e a súa familia

G24.gal 21/05/2022 08:32 Última actualización 21/05/2022 13:21

A saída da segunda xornada de regatas do Trofeo InterRías en que participa o rei honorífico co seu barco Bribón 500 quedou aprazada este sábado de xeito indefinido como consecuencia das condicións meteorolóxicas, informou o Club Náutico Sanxenxo.

Estaba prevista a competición para as 13:00 horas deste día. Podería decidirse o recomezo ata as catro da tarde e, de non ser así, quedaría cancelada.

O propio rei emérito foi ata as instalacións da entidade organizadora, o Club Náutico de Sanxenxo, minutos antes das once da mañá para formar parte da regata. Mesmo subiu ao seu barco campión do mundo para supervisar as condicións e ver a posibilidade de participar na regata.

Un día en que Sanxenxo amenceu nubrado, con certa bruma mariña e escaseza de vento, o que dificulta a práctica deportiva no mar, pero a organización saíu colocar as boias da competición no campo de regatas para retomala en caso de que melloren as condicións durante a xornada.

Xoán Carlos I efectuou a chegada ante a mirada dun grupo de xornalistas e unha vintena de curiosos que observaron o seu paso no turismo conducido polo seu amigo, o empresario Pedro Campos, desde o que o rei emérito saudou cun xesto coa man.

Non parou a atender os medios e continuou o traxecto cara á zona reservada do Náutico, onde vai embarcar, ben no se barco ou no de apoio, para seguir a competición deste sábado, que comezará sobre as 13:00 horas.

O rei Xoán Carlos I gozará este sábado en Sanxenxo da vela e das amizades antes de reunirse coa familia en Madrid o vindeiro luns, na súa primeira estadía en España, de carácter privado, despois de 21 meses de ausencia. 

A reaparición do emérito está a causar expectación e tamén unha polémica. A súa presenza divide aínda máis a clase política.

O Goberno insiste en que se trata dunha visita privada, pero cre que debería dar explicacións aos españois sobre as súas finanzas. O PP pecha filas co actual rei e deséxalle o mellor a Xoán Carlos.

Polo momento, non fixo ningún tipo de declaración. No Náutico de Sanxenxo foi recibido con gritos de "viva o rei", e o alcalde do concello, Telmo Martín, asegurou que o emérito manifestou a súa intención de regresar á localidade o vindeiro mes de xuño.

Será entre o 10 e o 19 para defender o título de campión do Mundo da clase 6 m., que conquistou no ano 2019 a bordo do Bribón

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade