O rei Xoán Carlos regresa a Galicia para participar nas regatas que levan o seu nome
O rei Xoán Carlos regresa a Galicia para participar nas regatas que levan o seu nome
É a terceira visita a Sanxenxo este ano, a cuarta desde que estableceu a súa residencia nos Emiratos
Xoán Carlos I chegou ao aeroporto de Vigo nun voo privado desde Abu Dhabi, para afrontar a cuarta visita a España desde que se instalou en Emiratos Árabes Unidos en 2020, a terceira deste ano.
O avión que trasladou ao rei un Bombardier con matrícula 9H-VJN, partiu ás 05:50 horas desde Abu Dhabi e tomou terra en Peinador ás 13:36 horas.
Como nas anteriores visitas, Pedro Campos, regatista e amigo de Xoán Carlos I, acudiu ao aeroporto vigués para recollelo a pé de pista. O rei, vestido con camisa azul e chaleco beixe, baixou as escaleiras da aeronave sen axuda, ata chegar ao coche de Campos.
A presenza de Xoán Carlos I levantou pouca expectación, máis aló da presenza dos medios de comunicación, que tamén foi menor que en ocasións previas.
Neste vehículo, un todo terreo branco, desprazouse a Sanxenxo, onde chegou ás 14:29, riseiro e saudando, aínda que non baixou a ventá nin fixo declaracións. Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e patrón do barco no que navega o rei, o Bribón, será novamente o seu anfitrión.
En Sanxenxo, o rei Xoán Carlos ten previsto estar unha semana cos seus amigos da vela e participar na regata que se celebrará do xoves ao domingo e que leva o seu nome.
A intención do rei é navegar -probablemente a partir do mércores- no Bribón e regresar a Emiratos Árabes Unidos o vindeiro luns.
O ex-xefe do Estado reencontrarase coa o tripulación coa que conquistou o mundial da clase 6M a principios de mes na illa de Wight, no Reino Unido.
Nesta visita a España estará moi preto do seu fillo, o rei Filipe VI, que o xoves pola tarde inaugurará o Foro La Toja-Vínculo Atlántico no municipio do Grove.
Por agora, a Casa do Rei non concretou se haberá ou non un encontro entre pai e fillo, que si coincidirán o 31 de outubro na celebración familiar de carácter privado que terá lugar no Palacio do Pardo tras xurar a Constitución ante as Cortes a princesa Leonor no seu 18 aniversario.
Desde que estableceu a súa residencia en Abu Dhabi en 2020, Xoán Carlos I viaxou en catro ocasións a España, todas con Vigo como aeroporto de chegada e Sanxenxo como lugar de aloxamento.
A primeira vez foi en maio de 2022 e a súa estancia concluíu na Zarzuela cunha conversa con Filipe VI e un encontro familiar.
Este ano, realizou as outras tres viaxes, a primeira en abril, que incluíu unha visita a Vitoria para unha revisión médica nunha clínica privada antes de regresar a Abu Dhabi; a segunda, en xullo, para adestrarse para o Mundial de 6M, e agora, a que afronta desde este luns.