Publicador de contidos
Publicador de contidos

O responsable da investigación do crime de Samuel Luiz: "Foi unha actuación grupal, inhumana e atroz"

O responsable da investigación do crime de Samuel Luiz: "Foi unha actuación grupal, inhumana e atroz"

"É imposible evitar a consecuencia final", asegurou no xuízo sobre a morte do mozo

O axente declara que un dos acusados foi á Policía "para colaborar", pero que lles "mentiu" e sinalou os demais

G24.gal 30/10/2024 11:44 Última actualización 30/10/2024 13:58

O xefe do grupo de investigación de delitos de delincuencia organizada e violenta cando se produciu a morte de Samuel Luiz -na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés tras unha malleira- atribuíu a unha "actuación grupal, inhumana e atroz" o ocorrido ese día.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acolle este mércores unha nova sesión do proceso contra cinco adultos para o caso da morte de Samuel Luiz o 3 de xullo de 2021, en que a Fiscalía pide penas de entre 22 e 27 anos de prisión.

imposible evitar a consecuencia final", sentenciou a preguntas da fiscal sobre a morte da vítima e tras un relato dos feitos en base ás testificais solicitadas pola Policía, 54, o visionado das imaxes durante tres meses e a análise dos teléfonos dos presuntos implicados.

"Non podemos acreditar ninguén máis como partícipe", asegurou ao ser preguntado por unha defensa se "se lles puido escapar alguén máis" como presunto autor da agresión, que, ratificou, se prolongou durante uns minutos.

"Hai tráfico de chamadas entre os autores esa noite", expuxo o axente en relación ao encontro que, segundo as acusacións, mantiveron os acusados nun parque tras o sucedido. Isto tras especificar previamente, en base ao resultado da investigación, que os cinco procesados estiveron, con distinto nivel de participación, no "núcleo da agresión". "Algúns máis preto e outros máis separados, pero chegan todos", resumiu.

Unidade de acción

Cunha "unidade de acción continuada", dixo ao referirse tanto a un primeiro punto, onde a vítima recibe "puñadas e patadas" no exterior dun local de lecer, para continuar noutros puntos máis do paseo marítimo "ata chegar ao final", onde o falecido cae esborrallado.

Ao preguntarlle pola orixe da agresión, manifestou "os comentarios despectivos que recibe Samuel". "Só porque lle contestou dicindo que non estaba a gravar", apostilou sobre o momento en que Diego M.M. recrimina á vítima que o grave e este lle replica que está a facer unha videochamada.

O axente declara que un dos acusados foi á Policía "para colaborar", pero que lles "mentiu" e sinalou os demais

Este policía, máximo responsable da investigación desde xullo ata principios de novembro de 2021, ratificou que Diego M.M., Catherine S.B. Alejandro F.G. foron detidos como resultado da investigación, sen que acudisen voluntariamente, e que Kaio A.S.C. acudiu aos poucos días dos feitos á Policía pero para exculparse polas referencias que había del en redes sociais.

"Dixo que ía separar, logo puidemos determinar que non era certo", sentenciou respecto ao día dos feitos para especificar, ademais, que non dixo a verdade aos policías en cuestións como a vestimenta que levaba.

"Polo menos unha patada", relatou respecto a unha testifical que, admitiu, motivou a súa detención, sen poder aclarar, a preguntas do avogado deste acusado, que logo esta testemuña dixese que o viu "cargar", pero non dar a patada, segundo o declarado tamén no xuízo.

Deste procesado, o policía afirmou que se lle ve, nas imaxes visionadas en "tres meses de investigación", correndo a "toda velocidade" cara ao "núcleo da agresión principal".

Tamén confirmou que a última detención foi a de Alejandro M.R., do que indicou que compareceu só ao ser citado xa con posterioridade aos arrestos e non desde un primeiro momento como fixo outro mozo da contorna dos procesados. "Chamounos a atención", recoñeceu.

Sobre este acusado, asegurou que unha testemuña declarou que lle expuxo: "non puiden facer nada porque me parou un negro". "Véselle correndo detrás de Kaio e entra no punto do núcleo da agresión e nun momento dado sae disparado", engadiu xa sobre as imaxes dese día. A preguntas do seu defensa, precisou que "ningún o sinala" ao ser cuestionado se hai testemuños ou imaxes que confirmen que agredise ao falecido.

En canto ao presunto roubo do móbil de Samuel por parte de Kaio -feito polo que, ademais de asasinato, se lle imputa este delito- explicou que non é ata unha segunda declaración co seu letrado cando di que se atopou un teléfono "por alí e que llo leva". "Un dos amigos refíreo", sinalou sobre o suposto tento de venda do teléfono.

Secuencia dos feitos

Todo iso nunha declaración para determinar a presenza ou non dos acusados ese día, aínda que centrándose, sobre todo, en resposta ás preguntas das acusacións, en Catherine, Kaio e Alejandro M.R. para tratar de determinar a súa posible implicación.

De Diego M.M. e Alejandro F.G. -o primeiro iniciaría a agresión e o segundo agarrado polo pescozo á vítima facendo a técnica do 'mataleón', segundo testificais previas á sesión deste mércores- aseverou que, de acordo con o resultado da investigación, son os que se "abalanzan" sobre a vítima xa desde un primeiro momento da disputa.

De Catherine sinalou que "aparta" á amiga de Samuel "impedindo que axude". "Súmanse Kaio a gran velocidade e Alejandro M. R.", en referencia neste caso ao momento en que a este se lle ve no punto inicial da agresión. "Aí prodúcense patadas e puñadas, segundo as testemuñas, que refiren seis ou sete persoas", engadiu sobre os individuos que participarían na agresión inicial, feitos polos que se detivo tamén dous mozos que eran menores entón e que xa foron condenados a tres anos e medio nun centro de internamento.

Isto nunha exposición na que ratificou que só unha persoa inicialmente e logo dous senegaleses trataron de auxiliar ao falecido. Tamén con preguntas dalgunha das defensas sobre se nas imaxes de vídeos se ve que alguén portase unha botella ou unha navalla. "Refíreno testemuñas, eu non o vin", incidiu tras precisar, a outra defensa, que nun rexistro nun domicilio dun dos menores condenados atoparon unha navalla, sen poder concretar máis respecto a este extremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade