Publicador de contidos
Publicador de contidos

O salario medio aumentou un 2,9 % en 2021, ata os 25.896,82 euros anuais

O salario medio aumentou un 2,9 % en 2021, ata os 25.896,82 euros anuais

Hai unha fenda salarial do 18,4 % entre homes e mulleres

Hostalería e actividades administrativas e servizos auxiliares tiveron os menores salarios medios anuais

G24.gal 20/06/2023 11:41

A ganancia media anual dos traballadores foi de 25.896,82 euros en 2021, un 2,9 % máis ca o ano anterior e encadeando oito exercicios á alza, aínda que para as mulleres esa media está nos 23.175,95 euros e para os homes, en 28.388,69 euros, o que deixa unha fenda salarial do 18,4 %.

De acordo coa enquisa anual de estrutura salarial publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), esa diferenza entre a remuneración de homes e mulleres redúcese se se consideran postos de traballo similares (mesma ocupación, tipo de contrato, tipo de xornada etc.

O INE tamén explica que hai moitos máis traballadores nos salarios baixos que nos máis elevados, o que dá lugar a que o soldo medio sexa superior tanto ao salario mediano como ao máis frecuente.

Así, o salario mediano (o que divide ao número de traballadores en dúas partes iguais, os que teñen un salario superior e os que teñen un salario inferior) foi de 21.638,69 euros en 2021, unha alza do 3,4 %.

E o salario modal (o que tivo maior frecuencia, con 563.384 asalariados) situouse arredor dos 18.503 euros, un 0,1 % máis, aínda que houbo outro tamén con elevada frecuencia (560.327 asalariados), que foi de 16.487 euros.

Unha de cada catro mulleres tivo un salario igual ou menor ao mínimo

En canto á distribución salarial, o 25 % das mulleres tivo un salario anual menor ou igual que o salario mínimo interprofesional (SMI) en 2021, fronte ao 10,7 % dos homes.

A descrición da desigualdade salarial complétase coa proporción de traballadores con ganancia baixa (asalariados cuxa ganancia por hora está por baixo dos 2/3 da mediana), que foi do 16,7 % en 2021. Entre estes traballadores, o 62,5 % eran mulleres.

Nas dúas situacións, explica o INE, inflúe a maior porcentaxe de mulleres que traballan a tempo parcial.

Así, ao mirar salarios por tipo de xornada- a variable que máis determina o nivel salarial- o salario medio anual na xornada a tempo parcial foi un 59,4 % inferior ao de tempo completo.

E por tipo de contrato, os traballadores con contratos temporais tiveron un salario medio anual inferior nun 27,1 % ao dos contratados indefinidos.

O salario medio anual dobra a media nas actividades enerxéticas 

Por actividades, a que presentou o maior salario medio anual en 2021 foi a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado, con 52.985,83 euros por traballador, unha cifra que dobra a media nacional.

Pola contra, hostalería e actividades administrativas e servizos auxiliares tiveron os menores salarios medios anuais, con 14.632,81 e 18.118,66 euros respectivamente. Estas cifras foron un 43,5 % e uns 30 % inferiores á media.

Por comunidades, os salarios máis elevados en 2021 corresponderon ao País Vasco (31.063,68 euros anuais por traballador), Madrid (29.512,58 euros) e Navarra (28.459,37 euros).

Estas tres comunidades, xunto con Cataluña, presentaron unha ganancia superior á media nacional.

Pola súa banda, Estremadura (21.393,01 euros), as Canarias (22.466,23 euros) e Andalucía (23.154,99 euros) presentaron os salarios máis baixos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade