Publicador de contidos
Publicador de contidos

O satélite galego Lume-1 entra na atmosfera despois de completar 28.000 órbitas arredor da Terra

O satélite galego Lume-1 entra na atmosfera despois de completar 28.000 órbitas arredor da Terra

Entre os obxectivos da misión estaba testar a eficacia do satélite na loita contra os incendios forestais

A Soiuz-2 engala co Lume-1 a bordo A Soiuz-2 engala co Lume-1 a bordo
G24.gal 14/02/2024 18:10 Última actualización 14/02/2024 19:37

Despois de cinco anos en órbita e de completar unha distancia aproximada de 1.300 millóns de quilómetros, con 28.700 órbitas ao redor da terra, o satélite 'Lume-1' entrou este mércores na atmosfera, informou a Universidade de Vigo.

Foi lanzado en decembro de 2018 a bordo dunha nave Soiuz desde a base espacial rusa de Vostochni, en Siberia, e superou, por moito, a vida media útil dos nanosatélites, que está entre os seis meses e un ano.

Fíxoo, ademais, con "todos os seus compoñentes en perfecto estado, o cal é pouco común despois de tanto tempo exposto ao ambiente espacial", sinala o catedrático Fernando Aguado, director do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, ATRG.

Un dos obxectivos principais do Lume-1 era validar o sistema de comunicacións Sensor-Terra-Centro de Control–UAV a través de Internet das cousas empregando como plataforma o sistema de comunicacións de UVigo Totem, que permite a actualización a bordo durante a misión.

Segundo Aguado: "O satélite cumpriu ao cen por cento cos seus obxectivos, xa que se validaron con éxito todas as comunicacións e as novas capacidades e aplicacións, que se incorporaron á súa misión estendida".

De acordo coa universidade galega, o satélite Lume-1 supuxo "un paso moi importante na traxectoria do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais".

"Totem funcionou sen problema durante toda a vida útil do satélite e, grazas ás súas capacidades de reconfiguración en órbita, puidemos realizar investigacións moito máis avanzadas das que se incluíron para a primeira fase da misión", sostén Aguado.

Realizáronse análise de fontes de interferencias de radio ao redor de todo o planeta e ensaios de comunicacións e adquisición de datos de posicionamento de aeronaves, un "desenvolvemento punteiro" que foi transferido a Alén Space, empresa derivada da Universidade de Vigo, “que o comercializa en multitude de misións no mundo”.

Entre os obxectivos da misión estaba testar a eficacia do satélite na loita contra os incendios forestais.

As probas, que se realizaron en contornas controladas mediante lumes reais confirmaron "o perfecto funcionamento tanto da plataforma do satélite e da carga útil de comunicacións, como dos sensores en terra desenvolvidos para detectar lume", unha liña de investigación que tivo continuidade no proxecto europeo Fire-Poctep.

O quinto satélite da constelación da UVigo chegará previsiblemente en 2027, xa que o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais está a traballar, entre outros proxectos, no seu lanzamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar