Granxas avícolas en alerta pola recomendación de reducir o número de animais
Granxas avícolas en alerta pola recomendación de reducir o número de animais
A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria recomenda rebaixar a densidade de poboación nas granxas para mellorar o benestar das aves
Os produtores de polos de engorde din que sería inviable sobrevivir cunha redución do 70 % da cabana
O estudo da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) sobre o sector avícola é parte da base científica encargada pola Comisión para revisar as normativas de benestar animal. A EFSA detectou puntos críticos na cría de polos de engorde e galiñas poñedoras, e fai as propostas para corrixilos.
E no sector, saltaron as alarmas: entre as medidas propostas está reducir o número de aves nas granxas a arredor dun terzo das que hai hoxe.
No caso dos polos de engorde, a capacidade das granxas establécese hoxe entre os 33 e os 42 quilos por metro cadrado. A EFSA propón reducilos a 11 quilos por metro cadrado.
"Sería totalmente inviable, habería un peche masivo de granxas", alerta Xosé Luís Camiñas, avicultor en Rodeiro.
Cre que non poderían aguantar os custos de produción: "Os custos enerxéticos e de alimentación xa nos puxeron contra as cordas o ano pasado coa guerra de Ucraína", explica Camiñas.
"Tivemos que tirar dos aforros para manter este tipo de granxas", engade.
El cría uns 240.000 polos ao ano, 39 quilos por metro cadrado. Se tivese que deixalos na terceira parte, dispararíase o prezo.
"Algún consumidor de polo, que é unha carne relativamente barata, estaría disposto a pagar o quilo a 14 ou 15 euros?", pregúntase Camiñas.
Para el "sería inviable que un consumidor puidera comprar un quilo de polo, e un produtor producilo".
Di que as producións gandeiras europeas xa cumpren normas de benestar animal esixentes, e pide que se siga con atención calquera proposta para reformalas.