Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian a desaparición dunha vaca en Rodeiro

Denuncian a desaparición dunha vaca en Rodeiro

Desapareceu da corte sen deixar rastro, e os propietarios pensan que podería tratarse dun roubo

Xosé Carral non se explica como puideron ceibarse as vacas amarradas
G24.gal 19/01/2024 14:17

Unhas cincuenta vacas manteñen na gandería Rato de Baroncelle, en Rodeiro. Dormen amarradas, pero cinco animais conseguiron ceibarse misteriosamente unha noite. 

"Non sabemos que pasou" conta o gandeiro, Xosé Corral. Di que chegaron pola mañá e atoparon cinco amarres soltos, "os cinco seguidos". Mónica Fernández, copropietaria, explica que estaban catro vacas ceibas na corte, pero faltaba unha. "Buscamos e buscamos, pero nunca apareceu".

Nin deron co rastro dela, nin ninguén viu ou escoitou nada estraño esa noite. "Foi unha noite de aire e auga", di Mónica. "Non había pegada ningunha, non sabemos que camiño puido levar". 

Misterio onde está e misterio como conseguiría ceibarse, se non foi con axuda: terían que tirar da barra de suxeición as cinco vacas á vez para xirala e soltarse. "As cinco á vez é complicado -pensa Xosé-, levamos trinta anos aquí e ten aparecido solta ao mellor unha, pero nunca xamais un animal faltou de aquí".

Por iso cren que puideron levárllela, así que xa puxeron denuncia na Garda Civil. Nesta explotación traballan moito a selección xenética dos animais, e a vaca que falta podía superar -calculan- os 2.500 euros no mercado. 

Piden axuda por se alguén a ve: o crotal que levaba de pendente ten o número 8885.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade