Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rodeiro recupera a súa feira de Rubia Galega do País

Rodeiro recupera a súa feira de Rubia Galega do País

Ofrece unha mostra de 60 vacas da comarca e unha poxa de oito animais

Os gandeiros reclaman o valor gastronómico e patrimonial desta raza autóctona

G24.gal 20/10/2024 14:50

Rodeiro recuperou a súa feira de rubia galega do país despois de 17 anos sen a celebrar. Con 60 animais a concurso e oito para a poxa, os gandeiros da comarca tratan de visibilizar unha raza autóctona, cun alto valor gastronómico e tamén patrimonial.

As rubias galegas volveron encher o recinto feiral despois de moito tempo. Nesta edición concursan as descendentes daquelas que chegaban hai anos a pé, da man dos gandeiros que hoxe xa están xubilados.

"É un evento de confraternidade, de festexo e de proximidade. O que pretendemos é poñer en valor o sector da carne, que está pasando por épocas moi mellorables e necesitan das administracións para botar unha man. Penso que este evento redunda niso, na reivindicación. Temos uns gandeiros moi profesionais, cun gando excelente, pero precisan apoio e visibilidade", expón Alberto Lamazares, organizador da feira e tenente de alcalde de Rodeiro.

"Hoxe atopámonos cun gran sacrificio dos gandeiros, que hai detrás de cada animal que se pode ver aquí, porque isto non se fai dun día para outro, non se estuda. É cultural, é patrimonio, son herdanzas que quedan na nosa historia e que imos continuando con elas", asegura Alberto Hermida Taboada, organizador e presidente da Asociación de Gandeiros de Rubia Galega do País.

Para a poxa, sete becerras e un becerro e varios compradores novos con ganas de ampliar a explotación. A venda arrinca en 2.300 euros para as máis baratas e en 2.800 para o resto.

"Veño para que as feiras sigan tendo auxe porque ben ves que o sector está algo pobre. Hai 30 anos valía máis un quilo de carne do que vale hoxe. Producila vale tres veces máis. Eu non digo que a carne suba porque ben ves os soldos que hai, pero a nós o que nos tiña que repercutir é en baixarnos as materias primas e o gasóleo, para estar todo equilibrado", reclama o gandeiro Ángel Santos.

Buscan manter un modo de vida asentado no rural que lles permita ofrecer un produto de alta calidade é á vez conservar o territorio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade