Medio Rural organiza a primeira poxa de exemplares de rubia galega do rabaño do CIAM
Medio Rural organiza a primeira poxa de exemplares de rubia galega do rabaño do CIAM
Son 56 animais do programa de selección xenética do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo
O centro terá as portas abertas o 22 e 23 de xullo para que os interesados poidan ver os animais
Saen á venda 56 exemplares de raza rubia galega, nacidos e criados nun dos rabaños máis recoñecidos do país: o do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Teñen sona porque son froito de anos e anos de selección.
"En cada parto facemos análise xenómica e con iso deseñamos os cruzamentos", explica o director do CIAM, Abelardo Nimo. Di que é un rabaño "que se foi mellorando" con inseminacións de touros de fóra buscando "as liñas xenéticas que interesaban". "Cremos que temos un rabaño realmente interesante", conclúe.
Interesante tamén porque son vacas máis como as de antes: ademais de mirar polos quilos de carne que poñan, quérenas boas nais, que pairan ben e que dean leite.
"Buscamos vacas cunha aptitude maternal -explica Nimo-, que teñan facilidade de parto e que posibilite que as crías poidan mamar durante un tempo prolongado, para a súa manutención".
Di que son cualidades "que se perderon un pouquiño", porque a tendencia foi buscar unha vaca "máis 'culona', máis de pura produción de carne", e as liñas xenéticas como as que buscan no CIAM "deixáronse de traballar", explica o director do centro.
Así que entre a demanda que hai de animais rubios e as características especiais que teñen estes, contan con que a idea de sacalas a poxa sexa un éxito. É a primeira que organizan, pero teñen vocación de que non sexa a última.
"É un pecado mandar unha xovenca de dous anos ao matadoiro, cando o mercado as demanda", afirma Nimo. A iso engade o interese do propio centro, en tanto que é un organismo público, dependente de Medio Rural: "Queremos que os resultados dos estudos aquí feitos, se diseminen e que os gandeiros poidan ter máis variedade xenética".
O prezo de saída é de 1.600 euros para as xovencas, e de 2.500 para os lotes de nai e cría de primeiro parto. Luns e martes que vén terán as portas abertas para quen queira velas, e as ofertas hai que presentalas na sede electrónica da Xunta dende o martes ata o mércores.