O sector da automoción vive un momento complicado pola suba de prezos e de tipos
O sector da automoción vive un momento complicado pola suba de prezos e de tipos
En Ourense debaten os retos que pasan por abaratar os prezos, aumentar os incentivos e construír máis puntos de recarga para coches eléctricos
Máis incentivos para mercar vehículos novos e seminovos, construír máis puntos de recarga para coches eléctricos e abaratar os prezos. Son as demandas do sector da automoción, que hoxe afonda nas súas problemáticas e nos retos para este 2024 na Confederación de Empresarios de Ourense.
O sector da automoción está vivindo un momento complicado. A electrificación, a suba dos pezos e dos tipos de xuro non incentiva a compra dun coche.
Galicia, con coches que superan os 14 anos, ten un parque automobilístico moi vello o que incide na sinistralidade viaria e na contaminación. O reto, din, é rexuvenecelo.
Á hora de mercar un coche novo botan tamén para atrás, ademais do prezo, as dúbidas de se escoller un vehículo de combustión ou un eléctrico.
Este ano calculan que se venderán en España preto dun 1 millón de coches, o 6 por cento deles en Galicia; medran algo as cifras respecto ao ano pasado, pero lonxe das de antes da pandemia. Crecerán máis as vendas do vehículo de ocasión.