Centos de persoas claman en Ribeira contra a prohibición de Bruxelas
Centos de persoas claman en Ribeira contra a prohibición de Bruxelas
Pídenlle á Comisión Europea que reflexione sobre unha medida que consideran "arbitraria e inxusta"
A normativa entra en vigor este domingo e os barcos afectados aínda non saben como se vai aplicar
Berro unánime en Ribeira contra o veto europeo á pesca de fondo en 87 caladoiros do océano Atlántico que entra en vigor este domingo. Centos de persoas concentráronse este sábado na praza do concello para rexeitar unha decisión que está a xerar moitas incertezas.
"Só queremos ir ao mar, mira ben o que fas rapaz, só queremos que a nosa xente coma o noso peixe, mira ben o que fas rapaz. Somos mariñeiros e sen o mar morremos", di Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías.
Piden respecto cara un sector básico para o país e advirten que a prohibición ten consecuencias na economía galega.
"Cuarto sector económico de Galicia achegamos o 5 por cento do PIB, nove mil millóns de facturación. Queremos que se nos respecte polo que somos, que non se nos criminalice, non somos depredadores", argumenta Ignacio Vázquez, da Asociación de Arrastreiros de Ribeira.
"Que a ninguén lle caiba dúbida de que os ecoloxistas somos nós, o sector pesqueiro e marisqueiro, que queremos seguir vivindo do mar", afirma José Antonio Pérez, Presidente da Federación Galega de Confrarías.
A mobilización, baixo o lema 'Sen o mar morremos', reuniu todos os partidos con representación no Parlamento -PPdeG, PSdeG e BNG-, sindicatos e membros do sector.
Quintana pide reflexión
A conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana, que asistiu xunto ao vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, pediulle á Comisión Europea "que reflexione, que bote para atrás este regulamento".
Nese sentido, reclamou que teña en conta os últimos datos científicos e informes de impacto socioeconómico, pois entende que non avalan o veto.
"Que deixen traballar o sector pesqueiro que demostrou que é o primeiro en querer apostar pola substentabilidade, que é o primeiro en querer seguir desenvolvendo o seu traballo producindo alimentos para todos os cidadáns da Unión Europea", asegurou ante os medios.
Pontón aposta pola moratoria
Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "este veto non ten ningún tipo de xustificación nin desde o punto de vista científico nin desde o punto de vista económico".
"É unha decisión absolutamente arbitraria da Comisión Europea que significa deixar douscentos barcos en terra, limitar a capacidade produtiva deste país e, por tanto, destruír emprego e riqueza nun momento como este", subliñou.
Tras o recurso do Goberno, cre que é necesaria unha "proposta de moratoria" porque a vía xudicial "pode tardar anos e pode destruírse a capacidade pesqueira" de Galicia.
"O luns vai ser un día moi complicado no mar. Moitas persoas non saben se a súa actividade vai ser rendible", lamentou á vez que culpaba a "unha Comisión Europea na que ten maioría a dereita".
Formoso pide unha fronte política
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que a mobilización é "un berro á Unión Europea" de que "Galicia sen os seus pescadores, sen a súa frota, non é Galicia".
Demandou "estar á beira do mundo do mar" tanto a favor do recurso exposto polo Goberno como a través dos partidos. Segundo dixo, "a frota é un sector estratéxico na economía e na sociedade galega".
"Necesitamos unha fronte política para que a Comisión Europea, presidida polo Partido Popular europeo, dea un paso atrás e empece a respectar a frota galega, empece a respectar as tradicións galegas e empece a respectar esa pluralidade que hai en Europa de distintos modos de vida", agregou.
Dúbidas sobre a aplicación
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciaba en Vigo este xoves que finalmente quedarían fóra do veto 41 das 87 áreas afectadas. Horas máis tarde, Bruxelas corrixía as súas verbas e limitaba a exención ás zonas con menos de 400 metros de profundidade.
Con estes vaivéns, o sector afronta o futuro con moitas dúbidas. A Xunta calcula que o regulamento afectará uns 4.400 tripulantes galegos e terá un impacto global na economía da comunidade duns 816 millóns de euros.
Paralización da norma
Desde a súa aprobación e a publicación do regulamento, "por sorpresa" e a "mala fe", segundo o executivo autonómico, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o propio Alfonso Rueda solicitaron a paralización e a revisión da norma, polos efectos socioeconómicos negativos que afectan sobre todo ás comarcas da Mariña, Ribeira e Vigo.
Esta semana, o Goberno central confirmou que vai presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ao entender que é "unha normativa inxusta" baseada en información científica "insuficiente e anticuada".
Con todo, non formalizou unha petición de moratoria da súa entrada en vigor, polo que a norma está vixente a partir deste domingo. Para interpoñer recurso ten de prazo ata mediados de novembro.