O sector inmobiliario di que 20.000 vivendas poden saír do mercado do alugueiro coa nova lei
O sector inmobiliario di que 20.000 vivendas poden saír do mercado do alugueiro coa nova lei
Son inmobles que poderían pasar ao mercado da vivenda vacacional, poñerse á venda ou incluso quedar baleiros
O Colexio de Administradores de Fincas de Galicia apostan por crear un rexistro de morosos, para xerar confianza aos arrendatarios
En Galicia hai máis de 170.000 contratos de vivenda en alugueiro, pero o sector inmobiliario avisa de que estas cifras poden variar a curto prazo como consecuencia da entrada en vigor da nova lei de vivenda.
Dende a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias dan a cifra de ata 20.000 vivendas que poderían deixar de estar no mercado do alugueiro cando remate o contrato que na actualidade teñen vixente.
Son inmobles que poderían pasar ao mercado da vivenda vacacional, poñerse á venda ou incluso quedar baleiros. Din que a norma a quen penaliza é o propietario. Por iso tamén dende o Colexio de Administradores de Fincas de Galicia apostan por crear un rexistro de morosos para xerar confianza aos arrendatarios.
"Entre un 15 e un 20 por cento das vivendas que están actualmente alugadas co paso dos meses e a renovación dos contratos sairán do mercado do alugueiro", Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias.
E se saen deste mercado, os propietarios terán que buscar novas opcións.
"Cara a onde? Unhas a vivenda vacacional, outras a compravenda, ou mesmo quedar baleiras. E pode que tamén creza o alugueiro de cuartos"
E todo porque din que a nova lei non ofrece garantías xurídicas aos propietarios. Por iso hai quen aposta por crear un rexistro de morosos.
Martín Bermúdez de la Puente, presidente do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia "Que sexa un aval, é o mesmo que fan as grandes compañías de tarxetas de crédito, arrendamento de coches, algo parecido"
Porque de non ser así carteis coma este poderían ter os días contados nun mercado xa tensionado.