A frota de altura adiántase ás esixencias da Unión Europea en vixilancia
A frota de altura adiántase ás esixencias da Unión Europea en vixilancia
Consensúa unha norma para a observación electrónica científica e de capturas
Embarcar un biólogo para o control das capturas e a observación científica a prol da sostibilidade da pesca suponlle un inconveniente á frota de altura. Segundo Juana Parada, directora xerente de ORPAGU, constitúe un atranco por custo e espazo.
"O espazo a bordo é xustiño. Adoitan facer rotacións e ser números pares, polo que ter que deixar un tripulante en terra para que poida ir un observador científico rompe un pouco a operativa", explica.
Por iso nos últimos anos vén desenvolvéndose a monitorización electrónica, con cámaras, software, sensores e almacenamento de datos, como complemento.
"Non é máis que o traballo que o científico faría a bordo, faríao en terra, no despacho. Só tería que ver o que ve a bordo, as especies", asegura.
A Organización de Palangreiros Guardeses puxo en marcha un proxecto para estandarizar o método e un ano despois todas as partes implicadas consensuaron unha norma única de uso.
"É garantir que as imaxes e os informes se fagan cun rigor, cuns requisitos mínimos", subliña.
É unha iniciativa pioneira que se adianta ás esixencias da Unión Europea.