Jesús Lourido: "Facer unha moratoria depende do comisario de Pesca"
Jesús Lourido: "Facer unha moratoria depende do comisario de Pesca"
O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro asegura que o regulamento é "confuso"
O xefe de frota do porto viveirense pídelle ao comisario europeo de Pesca que rectifique
O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro, Jesús Lourido, afirma nunha entrevista na Radio Galega que a mobilización de hoxe en Ribeira contra o veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico decretado pola Comisión Europea será clave.
"A norma non é a máis axeitada para o noso futuro. A Comisión di que non cambia nada, o regulamento é confuso, nós xa tiñamos claro que se podía traballar ata os 400 metros porque é o que di o regulamento base, pero non é o que está escrito no seu regulamento de execución, foi un malentendido que a Comisión Europea quixo aproveitar politicamente".
Sobre o feito de que se vaian permitir as artes de fondo a menos de 400 metros de profundidade, Lourido explica no Galicia por diante fin de semana que "o problema é a indefinición do regulamento".
"Tiña que entrar en cuestións máis técnicas e non o fai. O nivel da Comisión podémolo saber fixándonos nesa aclaración técnica que se fixo mediante unha columna publicada en prensa, é un indicador de como está sendo este proceso".
O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro cre que a frota do pincho é a máis prexudicada co regulamento da Comisión.
"O gran compoñente da frota do Gran Sol son os pincheiros e somos os máis prexudicados. Ademais, un tipo de pesca como é a das artes fixas que é de precisión cirúrxica, pon o aparello alí onde quere, é un argumento máis para que se faga a revisión e os axustes necesarios para evitar perdas e evitar a ansiedade, a menos de 18 horas de entrada en vigor, de ter que saír dos caladoiros tradicionais".
Preguntado por posibles tensións no futuro nos caladoiros, Jesús Lourido afirma que aspectos coma ese son os que debería ter analizado a Comisión nese informe de impacto socioeconómico.
"Iso tería que estar estudado e vaise facer sobre a marcha. Todas as normas que hai non escritas de convivencia nos caladoiros hoxe en día xa non serven, é unha mostra máis do descoñecemento que os xestores da UE teñen de como se opera no mar".
O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro é rotundo en pedirlle ao Comisario que rectifique.
"O comisario e a Comisión teñen que reflexionar e poñer en marcha unha moratoria ata reparar os graves erros de base. Nós seguiremos insistindo. Mañá asistiremos á súa intervención no Parlamento, será o momento de escoitalo, é a oportunidade que ten para dar marcha atrás".
Sobre as posibles accións xudiciais, Lourido explica que van agardar ao recurso que presente o Goberno central e despois moverán ficha.
En todo caso, matiza que "facer unha moratoria depende do comisario, está nas súas mans, é a súa decisión, non se entende a súa obstinación cando todo o mundo lle está dicindo que se equivocou".