As limitacións ás artes de fondo preocupan o sector pesqueiro
As limitacións ás artes de fondo preocupan o sector pesqueiro
A conselleira do Mar considera que os estudos para tomar esa decisión non son suficientes
Os armadores vigueses aseguran que causaría importantes prexuízos á frota
A Comisión Europea quere limitar o uso das artes de fondo como arrastre, volanta ou palangre nas zonas de cantís onde hai corais ou especies que protexer. Moitos puntos na franxa costeira dende Cádiz a Escocia. O sector pesqueiro considera que o exame das zonas debe ser máis minucioso.
O xerente adxunto da Cooperativa de Armadores de Vigo, Hugo González, insiste en que non se pode vedar por precaución. Matiza que se se sabe que hai corais, haberá que protexer esas zonas, pero non o 50 % deses caladoiros que é, segundo o seu punto de vista, o que quere facer a Comisión.
A Xunta prepara informes sobre o impacto destas artes no ecosistema e tamén no eido socioeconómico. A conselleira do Mar cualifica de desfeita a pretensión da Unión Europea e lembran que xa achegaron estudos sobre a pegada hídrica e a pegada de carbono na utilidade destas artes de pesca. Rosa Quintana destacou que solicitaron á Comisión que lles fixera chegar os informes dos que dispón a Comisión para tomar esa decisión, pero aínda non llos enviaron.
Din que de aprobarse tal é como se propón, esta medida xeraría importantes prexuízos. González detalla que no Gran Sol, na zona de Irlanda, España ten 88 barcos, máis da metade son palangreiros que terían que saír das súas zonas habituais de pesca na que capturan pescada con palangre de fondo e ir cara zonas areosas onde están os barcos de arrastre. Avanza que iso suporía desprazamento de esforzo, sobrecarga nalgunhas zonas e tamén conflitos.
O 60 % do peixe que se consume na Unión Europea vén de fóra. Piden equilibrio entre a conservación dos recursos mariños e a viabilidade do sector.