Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector turístico prevé unha ocupación do 80 %

O sector turístico prevé unha ocupación do 80 %

Destaca o incremento de viaxeiros internacionais, especialmente estadounidenses

G24.gal 28/06/2024 17:04

As previsións do sector turístico galego para este verán apuntan a uns niveis de ocupación do 80 %, que nalgunhas zonas e en datas sinaladas poderían achegarse ao 90 %.

Así o reflicten os datos da sondaxe realizada pola Agrupación industrial Turismo de Galicia esta semana.

O turista maioritario segue sendo de orixe nacional, aínda que destacan o incremento de viaxeiros internacionais, especialmente estadounidenses, na maior parte do territorio e vinculados ao Camiño de Santiago.

No turismo rural tamén se esperan cifras de ocupación moi positivas, especialmente para o mes de agosto, cando algúns establecementos poderán colgar o cartel de completo.

Respecto aos prezos, para o mes de xullo, os hoteis de 5 estrelas son os que rexistran as cifras máis elevadas, chegando aos 280 euros a noite; os de 4 estrelas alcanzan prezos máximos de 140 euros por noite, mentres que os dunha estrela sitúanse próximos aos 80 euros.

Nas pensións os custos medios por noite redúcense ata situarse entre os 55 e os 70 euros as de 1 e 2 estrelas. Nos cámpings, o custo medio por noite nos de primeira categoría está ao redor dos 60 euros e nos de segunda categoría varía entre 130 e os 270 euros. No caso dos albergues, en función da categoría, os prezos oscilan entre os 25 e os 75 euros.

Acerca da previsión por zonas, na cidade da Coruña os hoteis estiman que a ocupación alcanzará o 88 % no mes de xullo, unha cifra que se poderá incrementar ata o 92 % en agosto. O mercado nacional segue sendo maioritario na cidade herculina, onde representa arredor do 80 % dos viaxeiros.

Na Costa da Morte, as fontes consultadas esperan niveis de ocupación de ata o 95 % en datas puntuais. Ademais, destacan o crecemento do turista internacional, especialmente o estadounidense, que pode chegar a situarse ao redor do 40 %.

Tamén as sondaxes que cita a Agrupación Industrial sinalan que en Santiago de Compostela agárdase unha boa tempada con ocupacións que rozarán o 80 %. Apuntan que o verán 2024 rexistrará cifras similares ás do ano anterior, aínda que se detecta un comportamento mellor da primeira quincena de xullo.

Na capital galega tamén se percibe un aumento do turismo internacional, especialmente dos mercados estadounidense e italiano.

En Ferrol e comarca as previsións tamén son optimistas, con ocupacións de arredor do 85 %, sendo o mercado principal o nacional, cun peso moi importante do Camiño Inglés e do turismo de surf.

A porcentaxe de ocupación sitúase na provincia de Pontevedra ao redor do 82 %. As fontes consultadas destacan o incremento de viaxeiros internacionais vinculados ao Camiño de Santiago, cun crecente número de peregrinos centroeuropeos. En Sanxenxo os establecementos están a detectar un bo ritmo de reservas, cunha previsión moi positiva de ocupación para os meses estivais, especialmente agosto.

Na provincia de Ourense a ocupación poderá alcanzar o 85 %, grazas aos turistas interesados en percorrer Galicia e coñecer o seu interior (como as augas doces e termais ou a enoloxía), e na provincia de Lugo as primeiras previsións apuntan a un 65 % de ocupación para o mes de xullo e un 75% para agosto, aínda que se espera que estes datos aumenten nas próximas semanas, especialmente en datas sinaladas como o 25 de xullo.

Nesta zona do interior destaca tamén o crecemento progresivo de viaxeiros internacionais, especialmente procedentes de Portugal, Italia, o Reino Unido, Irlanda e Francia.

As previsións apuntan na Ribeira Sacra a unhas porcentaxes de ocupación do 80 % e espérase que o Camiño Francés e a crecente demanda do Camiño de Inverno favorezan as reservas na zona, onde se estima que a maioría dos turistas sexa de orixe nacional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar