Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Senado aproba definitivamente a reforma da lei do só si é si

O Senado aproba definitivamente a reforma da lei do só si é si

A reforma saíu adiante cos votos do PSOE e PP e co rexeitamento de Unidas de Podemos e de varios socios de investidura

A reforma da lei do só si é si aumenta as penas para as agresións sexuais

G24.gal 26/04/2023 17:16 Última actualización 26/04/2023 21:42

O pleno do Senado deu luz verde este mércores definitivamente á reforma da lei do só si é si.

A reforma saíu adiante cos votos do PSOE e PP e co rexeitamento de Unidas de Podemos e de varios dos seus socios de investidura.

231 senadores votaron a favor, 19 en contra e 4 abstivéronse.

As novas penas, que entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado, rescatan as marxes do anterior Código Penal para castigar con máis anos de cárcere as agresións sexuais en que haxa violencia ou intimidación.

A reforma só poderá aplicarse ás agresións que se cometan unha vez entre en vigor e seguirá habendo revisións de condenas ditadas con anterioridade.

Segundo os últimos datos achegados polo Consello Xeral do Poder Xudicial a mediados de abril, ao aplicar a lei do só si é si os tribunais acordaron 943 reducións de penas de agresores sexuais, que supuxeron polo menos 103 excarceracións.

Fendas no bloque de investidura e no movemento feminista

A reforma da Lei de garantía integral da liberdade sexual, un dos proxectos estrela do Ministerio de Igualdade, dividiu a coalición de Goberno e abriu gretas no bloque de investidura e no movemento feminista.

O PSOE decidiu presentar a iniciativa ante o que denominou "efectos indesexados" da norma e sostén que non se tocou o consentimento, pero Unidas Podemos, ERC e EH Bildu están convencidos de que supón un retroceso nos dereitos das mulleres.

Neste contexto, o apoio do PP foi clave para que se aprobe a iniciativa.

"De nada, señor Sánchez, de nada, non fai falta que me dea as grazas", díxolle ironicamente este martes o líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, ao presidente do Goberno.

Vox, que rexeita de plano a lei, ausentouse da votación, como xa fixo no Congreso.

Aumentan as penas para agresións con violencia ou intimidación

A reforma mantén a agresión sexual como tipo único, pero créase un subtipo agravado para subir as penas cando haxa violencia ou intimidación ou cando a vítima teña anulada a súa vontade, e rescata varias das marxes previas do Código Penal, elevando as mínimas que propiciaron as rebaixas de condenas.

No caso das violacións, por exemplo, a lei fixou unha pena de 4 a 12 anos e a reforma precisa que se se usou violencia ou intimidación ou a vítima tiña anulada a súa vontade, o castigo será de entre 6 e 12 anos.

A reforma recupera tamén as penas coas que se castigaban os delitos agravados contra a liberdade sexual a menores de 16 anos e corrixe a lei de responsabilidade penal do menor, xa que coa lei do só si é si, nalgúns casos, os menores agresores sexuais recibían castigos máis duros que os maiores de idade.

Emenda ademais un erro da lei de protección á infancia fronte á violencia para deixar claro que o prazo de prescrición dos abusos sexuais a menores empeza a contar desde que a vítima cumpre 35 anos.

A reforma céntrase na parte penal da lei, que por outra banda creou un amplo paraugas de protección ás vítimas, con centros de atención 24 horas, axuda psicolóxica e asistencia xurídica gratuíta, e apostou pola especialización dos operadores xurídicos e de todos os profesionais que as atenden. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade