Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Senado aproba os impostos ás enerxéticas, a banca e as grandes fortunas

O Senado aproba os impostos ás enerxéticas, a banca e as grandes fortunas

Os tributos ás entidades financeiras e enerxéticas son temporais

En 2024 decidirase sobre a súa continuidade

G24.gal 21/12/2022 21:00

O Senado aprobou este mércores de maneira definitiva a creación de novos impostos extraordinarios e temporais sobre as empresas enerxéticas, a banca e as grandes fortunas. En que consisten?

Prestación para as enerxéticas

A prestación patrimonial para empresas enerxéticas gravará durante dous anos -2023 e 2024, con referencia ás contas do exercicio anterior- as vendas destas compañías cun tipo do 1,2%, fóra dos ingresos regulados e os procedentes de fóra de España.

Os importes abonados pola prestación non poderán deducirse no imposto de sociedades nin repercutirse ao cliente, algo que vixiará a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e que estará suxeito a sanción.

O Goberno esperaba recadar 2.000 millóns anuais -unha cantidade que se verá minguada polas exencións introducidas durante a tramitación.

Este diñeiro destinarase ao apoio a fogares vulnerables, iniciativas para reducir o consumo de enerxía ou investimentos en autonomía enerxética.

Afectará todas as empresas eléctricas, gasistas e petroleiras que facturaron máis de 1.000 millóns en 2019, excepto aquelas nas que a actividade enerxética non sexa a principal; así como ás produtoras de petróleo ou gas natural, minería de carbón ou refino en España.

En 2024, o Goberno avaliará os resultados da prestación e a conveniencia de darlle carácter permanente.

Prestación para entidades financeiras

A prestación para entidades financeiras é moi similar á enerxética: será temporal, para dous exercicios, non pode deducirse nin repercutirse, negociarase a participación de País Vasco e Navarra, e avaliarase o seu resultado en 2024.

Neste caso, as entidades obrigadas serán aquelas cuns intereses e comisións brutas cobradas aos clientes que superasen os 800 millóns en 2019, incluídas as entidades estranxeiras supervisadas polo Banco Central Europeo que superen ese limiar en España.

A prestación gravará cun tipo do 4,8 % a marxe de intermediación, é dicir, os intereses netos -diferenza entre os que cobra e os que paga- e as comisións netas -diferenza entre as cobradas e pagas-.

O Goberno espera recadar 1.500 millóns anuais, que se destinarán a financiar medidas para mitigar a subida dos prezos derivada da guerra en Ucraína.

Imposto de solidariedade sobre as grandes fortunas

O imposto de solidariedade sobre as grandes fortunas gravará durante dous anos aos patrimonios superiores a 3 millóns de euros, cun mínimo exento de 700.000 euros e as mesmas deducións que o imposto de patrimonio.

De feito, o novo imposto será deducible no de patrimonio autonómico, polo que afectará especialmente os contribuíntes das rexións que o teñen bonificado. Adaptarase aos concertos económicos do País Vasco e Navarra.

O imposto devindicará o 31 de decembro de cada ano, polo que a súa vixencia afectará o patrimonio ao peche de 2022 (que se pagará en 2023) e ao peche de 2023 (que se pagará en 2024), aínda que nese momento valorarase se se mantén no tempo.

Os tipos para aplicar serán do 1,7 % para patrimonio de entre 3 e 5,4 millóns de base impoñible; 2,1% para entre 5,4 e 10,7 millóns, e do 3,5% a partir dos 10,7 millóns.

A recadación obtida con este imposto "destinarase a financiar políticas de apoio aos máis vulnerables", segundo a lei. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade