O Sergas aspira a vacinar contra a gripe o 60 % de menores de cinco anos
O Sergas aspira a vacinar contra a gripe o 60 % de menores de cinco anos
A campaña de vacinación pediátrica masiva contra a gripe comezou en toda Galicia en base á experiencia piloto da fin de semana pasada na área sanitaria de Santiago.
En dous días, a experiencia compostelá subiu en cinco puntos a porcentaxe de vacinación do público obxectivo do programa, os menores de cinco anos.
Desde o 10 de outubro en que comezou a campaña de vacinación infantil contra a gripe en Galicia administráranlla a algo máis do 30 % de menores entre 6 meses e cinco anos, unha porcentaxe pobre para a Consellería de Sanidade.
Por iso puxeron en marcha un proxecto piloto a fin de semana pasada en Compostela. Vacinar en sábado e domingo para, da man da conciliación familiar, chegar aos máis cativos. En Santiago pasaron en 48 horas dun 36 % ao 44 % de vacinados.
"Vimos que nesas xornadas triplicabamos o que se estaba facendo nos centros de saúde. Polo tanto pareceunos unha boa medida, un acerto, e logo estendémolo rapidamente ás outras áreas sanitarias para intentar seguir acadando esa subida da porcentaxe", explica a TVG Julio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade.
Insiste o Sergas na importancia de vacinar os pequenos neste ano no que, xa sen máscaras faciais, está habendo un incremento das afeccións respiratorias, gripe, covid, bronquiolite e os clásicos catarros de outono. E por tanto unha sobrecarga nas urxencias pediátricas.
"Esa vacina da gripe cumpre esa dobre función. Por unha banda, protexer os nenos dunha enfermidade grave e, por outro lado, e non menos importante neste contexto de incremento das afeccións respiratorias, previr ese contaxio ás persoas da súa contorna, fundamentalmente persoas maiores e inmunodeprimidos", engade o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Sen referencias estatísticas doutros outonos, é a primeira vez que se citan todos os nenos ata 5 anos, Sanidade agarda chegar ao 60 % de vacinación contra a gripe neste segmento de poboación.