A Xunta elimina a cita previa na administración e tamén incentivará os titores dos MIR
A Xunta elimina a cita previa na administración e tamén incentivará os titores dos MIR
Quere aumentar o número de profesionais que se dedican a formar os médicos residentes
O Sergas vai incentivar o labor dos titores dos MIR, segundo avanzou este xoves o xefe do Goberno galego Alfonso Rueda. A Xunta busca con esta medida manter e incrementar o número de profesionais que se dedican a formar aos médicos residentes.
No mes de maio incorpórase unha nova promoción de médicos internos residentes, os MIR, aos hospitais e centros de saúde galegos. Para daquela, o Sergas prevé ter en vigor o decreto que fixa incentivos para os profesionais que van ser os seus titores, como maior puntuación nos concursos de traslados e redución dos tempos para avanzar na carreira profesional.
Actualmente hai 900 titores de MIR, 350 de medicina de familia e moitos próximos á xubilación. O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña cualifica esta norma como unha das máis "importantes da lexislatura".
Cita previa
Na comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves, Rueda tamén confirmou que se vai eliminar "de inmediato" a cita previa obrigatoria para facer xestións na administración autonómica.
Segundo explicou o presidente, a intención é que convivan as dúas modalidades para facilitar o servizo. É dicir, poderase solicitar cita previa pero os cidadáns que vaian sen ela tamén serán atendidos polos funcionarios.