Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sergas vai implantar o programa YAM para previr o suicidio adolescente

O Sergas vai implantar o programa YAM para previr o suicidio adolescente

O modelo, do Instituto Karolinska, demostrou efectividade na diminución da incidencia

Aplicarase nos Institutos de educación decundaria galegos a partir do curso 2023-2024

G24.gal 14/10/2022 13:47 Última actualización 14/10/2022 14:05

Galicia vai estrear o programa YAM do Instituto Karolinska, que está recoñecido como o protocolo con mellores resultados para previr as condutas autolesivas e suicidas entre a mocidade. Comezará a aplicarse nos institutos galegos o curso que vén.

Pretende dotar os mozos de ferramentas emocionais e aumentar a súa capacidade para resistir o estrés e as situacións dolorosas. 

O incremento do malestar emocional tras a pandemia, especialmente entre os 12 e os 18 anos é un dos asuntos que máis preocupa ás autoridades sanitarias. 

"Os procesos de socialización adolescente son imprescindibles para a conformación da personalidade e para un axeitado desenvolvemento emocional e a pandemia impediu que isto se producira de xeito natural. E aínda que os rapaces e rapazas seguiron contactando cos seus pares a través das redes sociais, o contacto físico e a relación cos grupos de iguais é imprescindible", explica María Tajes, xefa do Servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade.

Os protocolos actuais xa actúan no ámbito educativo, pero o modelo do instituto sueco Karolinska ten resultados testados na diminución da incidencia. Basease nunha metodoloxía de traballo en grupo.

"O que se fai nestes grupos é abordar cuestións concretas, relacionadas con factores de risco, para dotar os propios rapaces dunha autosuficiencia á hora de afrontar situacións do día a día que poden xerar neles un malestar emocional, de feito usamos as imaxes de aprender a surfear as ondas", engade María Tajes, xefa do Servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade.

As intervencións nos institutos estarán dirixidas por especialistas en psicoloxía, pedagoxía e psiquiatría infantil, fundamentais nese labor de detección, apoio e acompañamento. Hai axuda e hai saída e un teléfono 24 horas para conseguila xa, o 024.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade