Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sergas propón contratar por 2 anos médicos con MIR en especialidades onde haxa xubilacións

O Sergas propón contratar por 2 anos médicos con MIR en especialidades onde haxa xubilacións

Os sindicatos saúdan a idea, pero advirten que está "verde e hai que darlle unha volta"

A Mesa Sectorial volverase reunir o xoves 20 para abordar as condicións dos residentes 

G24.gal 14/04/2023 19:42 Última actualización 14/04/2023 19:50

O Servizo Galego de Saúde presentou este venres aos sindicatos unha proposta para contratar por dous anos a médicos internos residentes (MIR) que finalicen a formación naquelas especialidades que sexan deficitarias e onde se prevexan próximas xubilacións.  

Trátase dunha medida que incluirá o novo plan de transición xeracional que este venres expuxo a Administración aos sindicatos presentes na Mesa Sectorial (CIG, UXT, CCOO, CSIF e Satse). As organizacións saúdan a idea, pero advirten que aínda está "verde" e "hai que darlle unha volta".

A primeira opción ante unha xubilación é botar man das listas de contratación, pero hai varias especialidades que presentan déficit de persoal. Agora, con este novo plan proposto polo Sergas, abriríase outra vía para cubrir o oco: ter contratados durante dous anos a médicos coa súa formación especializada rematada.

O primeiro, tal e como advertiu o secretario de CCOO Sanidade, Javier González, é coñecer "canta xente se xubila" nos próximos anos, porque os facultativos teñen a opción de prorrogar a súa actividade ata os 70 anos.  

Tamén cre que "necesita máis reflexión" o secretario de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, quen considera que pode ser "un mecanismo para reter" persoal xa formado cando acaba a súa residencia.

Pola súa banda, o secretario de CSIF Sanidade, Carlos Castro, comparte que aínda teñen que "estudar o borrador", pero non a ve mala proposta "se se aplica ben".

En representación do Sergas, acudiron ao encontro á reunión a xerente, Estrella López-Pardo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, entre outros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade