O Son do Camiño enche a hostalería de toda a comarca de Compostela ata o domingo
O Son do Camiño enche a hostalería de toda a comarca de Compostela ata o domingo
Os hoteis da contorna de Santiago están por enriba do 90 % de ocupación
O festival O Son do Camiño suma estes días 40.000 persoas ao xa habitual ambiente turístico de Compostela. Grupos de xente nova, moitos deles con abono para os tres días de concertos, enchen hoteis e restaurantes e engaden ledicia e movemento ás rúas da cidade.
Vémolos almorzando case a mediodía con pulseiras do Son do Camiño, comentando en grupo a primeira noite longa de concertos, e preparándose para dous días máis de ambientazo na capital de Galicia.
Os asistentes ao festival andan na cidade de aquí para alá e de arriba para abaixo, con moita enerxía positiva. Os hostaleiros tamén están optimistas.
"Toda a comarca de Santiago está a case o 94 % de reservas hoteleiras. O Son do Camiño teceu os seus fíos máis alá do centro da cidade. E se a iso lle unimos os peregrinos pois estamos moi optimistas sobre a campaña deste ano", declarou Thor Rodríguez, presidente da Asociación de Hostalería de Santiago.