Publicador de contidos
Publicador de contidos

O suposto parricida de Esteiro proferira ameazas nas súas redes sociais ás veces con armas na man

O suposto parricida de Esteiro proferira ameazas nas súas redes sociais ás veces con armas na man

O mozo de 19 anos permanece baixo custodia policial no cuartel da Garda Civil de Boiro á espera de pasar á disposición xudicial

As forzas de seguridade buscan a arma que puido utilizar para agredir o seu pai

As probas toxicolóxicas e psiquiátricas ás que foi sometido desbotan que estivese drogado ou sufrise un episodio psicótico

Edificio en Esteiro onde vivían o falecido e o seu fillo, suposto agresor
G24.gal 23/04/2023 09:22 Última actualización 23/04/2023 21:37

Fonda conmoción na pequena localidade de Esteiro, no concello de Muros, e que se estende polo Barbanza despois do homicidio de José Manuel Mayo, un profesional da hostalaría moi coñecido, alcumado "o Peseta", supostamente a mans do seu fillo de 19 anos.

Rexentou durante anos o bar O Chapa nos baixos da vivenda onde se rexistrou a traxedia. Agora estaba prexubilado. Pai e fillo vivían no mesmo edificio aínda que en andares diferentes.

Foi o mozo quen avisou o 112 de que precisaba asistencia sanitaria. Pero o agora investigado por matar o seu pai relataba nese momento que sufriran un asalto por parte dun grupo de narcotraficantes.

Ao chegaren os equipos de urxencia atoparon a vítima xa falecida, con signos evidentes de violencia na cabeza, e o mozo, presunto agresor, cunha ferida na cara.

Seguen as investigacións

O equipo da Policía Xudicial da Garda Civil de Noia fíxose cargo das investigacións e intenta determinar o que pasou. Realizou a inspección ocular no interior da casa e recadou probas.

A agresión produciuse arredor das 9 da noite e a vítima foi atacada polas costas. Tres horas e media despois o presunto agresor daría a voz de alarma. Os veciños confirmaron que escoitaron golpes desa hora, viron saír o mozo, que regresou un anaco despois para sentar no portal e avisar a emerxencias.

A Garda Civil ten constancia de que o presunto agresor xa exhibira armas nas súas redes sociais así como ameazas a outras persoas non relacionadas co acontecido o sábado.

Está baixo custodia policial no cuartel da Garda Civil de Boiro, á espera de pasar á disposición xudicial, espera cuxo límite está fixado en 72 horas tras o arresto. Mentres os traballos de investigación tratan de localizar a arma que utilizou na agresión, presuntamente unha machada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade