Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo acoutará os criterios para revisar as condenas firmes pola lei do só si é si

O Supremo acoutará os criterios para revisar as condenas firmes pola lei do só si é si

A intención do Supremo pasa por acordar cunha maioría cualificada unha xurisprudencia que achegue claridade aos tribunais autonómicos

G24.gal 06/06/2023 09:16

O Tribunal Supremo aborda desde un pleno monográfico para fixar doutrina sobre a revisión de sentenzas firmes pola lei de liberdade sexual, coñecida como do só si é si, unha das leis máis polémicas da lexislatura, que permitiu ata a data a rebaixa de polo menos 1.079 condenas, incluídas 108 excarceracións.

O conclave celebrarase este martes e mércores en sesións de mañá e tarde debido a que son 29 as sentenzas que se teñen que revisar das máis de 200 que hai con recurso no tribunal, presentados maioritariamente pola Fiscalía.

Fuentes xurídicas informan que a intención do Supremo pasa por acordar cunha maioría cualificada unha xurisprudencia que achegue claridade aos tribunais autonómicos, que non coinciden na súa forma de proceder dado que algúns si rebaixaron as penas pero outros, en cambio, non o fixeron. Con todo, as fontes precisan que nalgúns aspectos hai división de posicións.

O debate virará ao redor da vixencia e aplicación da Disposición Transitoria Quinta do Código Penal de 1995, que establece que cando a pena imposta sexa tamén impoñible conforme a pinza que fixa a nova norma, non ten por que revisarse.

Así, a pregunta é se esta disposición transitoria de 1995 serve para as reformas posteriores do Código Penal, que non incluíron nos seus textos disposicións transitorias específicas. A Fiscalía Xeral do Estado sostén que si.

Os quince maxistrados deberán tamén pronunciarse sobre o xuízo de proporcionalidade nas penas e comparar igualmente de forma completa o Código Penal de 2015 coa lei do só si é si.

Ata a data, o Supremo pronunciouse sobre sentenzas que non eran firmes, pero agora entrará a estudar os casos máis polémicos, aqueles cuxa condena se viu alterada tras a entrada en vigor da lei.

Algúns destes recursos proveñen dos propios condenados, que consideran que as rebaixas das súas penas co novo marco legal son insuficientes, aínda que a maioría proveñen da Fiscalía.

Segundo datos facilitados polo CXPX, ata o 1 de maio, os tribunais acordaron polo menos 1.079 reducións de pena en aplicación da nova lei, entre elas 108 excarceracións; isto é, o 30 % das condenas revisadas en España implican unha redución da pena do reo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade