O Supremo avala a suspensión cautelar dun parque eólico entre Zas e Santa Comba
O Supremo avala a suspensión cautelar dun parque eólico entre Zas e Santa Comba
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa identificara riscos mediambientais
Os empresarios critican a "incerteza" de que Galicia conte cuns 60 proxectos de parques eólicos paralizados xudicialmente
O Tribunal Supremo non admitiu o recurso presentado pola Xunta e a empresa Engasa Lagoa contra o auto emitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenando a suspensión cautelar da autorización ao parque eólico Lagoa II.
A xustiza argumenta a existencia de indicios dun posible dano ambiental a ecosistemas da zona.
O Supremo basea a súa inadmisión na "falta de fundamentación suficiente, e sigularizada ao caso, da concorrencia dos supostos de interese casacional". Ademais, impón o pago das custas procesuales á Xunta (1.000 euros máis IVE) e á empresa recorrente (500 euros máis IVE).
A decisión tomada no seu día pola sección terceira da Sala do Contencioso Administrativo do alto tribunal galego estimaba a medida cautelar pedida pola asociación ecoloxista Petón do Lobo contra as autorizacións previas e de construción outorgadas pola Xunta a este parque eólico situado entre os concellos de Zas e Santa Comba.
O TSXG emitiu preto de 60 autos de suspensión cautelar de proxectos eólicos en Galicia nos últimos meses por riscos ambientais ao considerar que poderían ocasionar danos irreparables.
Impacto ambiental
Os maxistrados do TSXG entendían que o proxecto de Engasa Lagoa provoca "como mínimo" unha "afectación ecosistémica" pola execución das obras no espazo natural debido aos movementos de terras ou a instalación das infraestruturas eólicas.
Argumentaban que é "lóxico" concluír que a actividade do parque "por moi pequena que sexa, e non o é" terá impacto nos ecosistemas do lugar, algo do que advirte a asociación reclamante, que inclúe dous informes periciais que conclúen que "o dano ambiental a múltiples especies de flora e fauna está asegurado".
Ademais, rexeitan o argumento do interese público derivado da crise enerxética e a promoción das enerxías renovables, que a Xunta xustifica para dar luz verde a este e outros proxectos. Para a sala, isto non pode "prevalecer" cando se trata "de instalar no territorio unha industria da que hai sospeita fundada que podería non respectar o medio ambiente".
Os xuíces dan credibilidade aos documentos achegados por Petón do Lobo, dos que extraen que "polo menos indiciariamente" hai un "potencial efecto danoso de tipo ambiental".
Da análise dos informes achegados pola Xunta e a empresa promotora do proxecto, os maxistrados extraen que ambas as teñen "escasa percepción do mal que pode supoñer o seu comportamento, ao tratar de minimizalos (os danos) ou desprestixiar aos seus autores".
"Os intereses empresariais da promotora entendemos que non deben primar fronte ao medio ambiente, máxime se temos en conta que a paralización da súa actividade, por cuestión da adopción desta medida cautelar mentres penda este procedemento, previsiblemente non ha de ser por un termo excesivamente dilatado", recalca o tribunal galego.
Crítica dos empesarios
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, critica a "incerteza" de que Galicia conte con ao redor de 60 proxectos de parques eólicos paralizados xudicialmente, o cal "xera desconfianza e provoca que os investimentos se estean desviando cara a outras rexións que desbancaron a comunidade da súa posición de líder".
Así o destacou nun encontro co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no que Vieites lle trasladou as prioridades empresariais para o exercicio.
Vieites considera que as suspensións de parques "non só supoñen prexuízos que poden ser irreparables para unha actividade concreta, senón que pon en perigo o desenvolvemento doutros proxectos clave para a xeración de emprego e riqueza, dana a toda a cadea industrial do metal e a industria galega en xeral, e pon en risco a transición enerxética e a descarbonización".
A Xunta di que a situación non cambia porque segue pendente de sentenza
Despois de transcender esta decisión, a Xunta trasladou que "o único aval real" á tramitación que se está facendo en Galicia "son as dúas sentenzas" do Supremo que "lle dan a razón á Xunta", ao concluír que a tramitación ambiental "cumpre o esixido pola norma vixente e garante a protección ambiental".
"Neste caso non se trata dunha sentenza, senón dun auto do Supremo sobre o recurso da Xunta ante o auto de suspensión cautelar do TSXG. Esta resolución do TS, por tanto, non entra no fondo da cuestión, xa que decide non analizar o recurso por unha cuestión meramente formal", esgrime a Xunta.
Así as cousas, o Executivo autonómico defende que a resolución "en nada cambia a situación de fondo do parque e a posibilidade da súa autorización, que segue pendente de sentenza". "Autorización que a Xunta seguirá defendendo ante os tribunais", concluíu.