O Tribunal Supremo avala que Ence permaneza na ría de Pontevedra
O Tribunal Supremo avala que Ence permaneza na ría de Pontevedra
O Alto Tribunal acepta os recursos e entende que é legal a prórroga de 60 anos que se lle concedera á factoría
A pasteira poderá manter a súa actividade en Lourizán ata o ano 2073
A Asociación Pola Defensa da Ría tacha de irregular a decisión do Supremo
A Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a Resolución, do 20 de xaneiro de 2016, da Directora Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, que outorgara a Ence unha prórroga de 60 anos da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada a fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra.
El Tribunal Supremo estima el recurso de #ENCE y avala la prórroga de la concesión para su fábrica en Pontevedra https://t.co/9BxtCuh1tI
— Poder Judicial (@PoderJudicialEs) February 7, 2023
A Sala considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, sempre que consten informes ambientais favorables. No asunto analizado, constaban informes favorables da Administración nesa materia.
Ence celebra a sentenza
A empresa Ence Enerxía e Celulosa mostrou a súa "satisfacción" tras coñecerse este martes a decisión do Tribunal Supremo. A través dun comunicado, a compañía celebra que o alto tribunal "despexase a incerteza" sobre o futuro do seu proxecto industrial en Galicia e achega a "seguridade necesaria" para acometer os seus plans de futuro en Pontevedra.
"Ence seguirá centrada en crear riqueza e emprego sostibles en Galicia a través da actividade desta planta, que se manterá sempre á vangarda en eficiencia, mellores tecnoloxías dispoñibles e sustentabilidade", aseguran desde a empresa.
A reversión das deterioracións de activos e provisións de gastos rexistrados nos estados financeiros de 2021, como consecuencia das sentenzas da Audiencia Nacional, terá segundo Ence un impacto positivo estimado de 169 millóns no beneficio da empresa.
A dirección da fábrica pasteira celebra que este complexo industrial "vaia formar parte" do futuro de Pontevedra e de toda Galicia, un futuro ao que a empresa "quere achegar valor, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e incluíndo e escoitando a todos.
A este respecto, Ence sostén que vai establecer "de forma proactiva" un diálogo aberto coa sociedade pontevedresa, "escoitando a voz de todos e respondendo as inquietudes da nosa contorna", segundo o seu presidente, Ignacio de Colmenares.
"Xuntos temos que ser capaces de visibilizar todo o que achegamos a esta comunidade, así como de continuar avanzando e mellorando", engade De Colmenares, tras coñecer o sentido do fallo dos maxistrados do Tribunal Supremo.
Ence fai extensible esta invitación ao diálogo "aos colectivos máis críticos coa nosa actividade", aos que o presidente da compañía convida a reunirse con eles, "para buscar puntos de encontro e vías de colaboración, en beneficio de toda a sociedade".
Satisfacción dos traballadores
Ao pouco de saberse a noticia, a presidenta do comité de empresa de oficinas de Ence, Ana Cerdeira, cualificaba de "pesadelo" os anos de incerteza que este martes quedan resoltos.
"Eramos optimistas", dicía. "Era un problema político que tivo que resolver a xustiza. Quedamos, e imos continuar coas nosas vidas e cos nosos postos de traballo", sentenciaba Ana Cerdeira.
Concello e asociacións ecoloxistas critican a sentenza
O concello de Pontevedra di que esta sentenza do Supremo atenta directamente contra a Lei de Costas e contra as posibilidades de rexeneración da súa costa.
Greenpeace, a organización ecoloxista que recorrera a prórroga concedida a Ence lamentou que o Supremo permita á empresa "seguir danando" o entorno natural. O colectivo ambientalista reitera que a presenza da pasteira "non está xustificada" e impide que se poida recuperar a marisma de Lourizán.
A Asociación Pola Defensa da Ría tachou de irregular a decisión do Supremo. O seu presidente, Antón Masa, di que vai contra a Lei de Costas, que só permite instalar en dominio público marítimo terrestre aquelas actividades que pola súa natureza non poidan estar noutro lugar. Masa lembra que ese non é o caso de Ence, que ten o resto das súas pasteiras noutras localizacións.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou a decisión ao entender que "gañou a sensatez e a legalidade. A través das redes sociais asegurou que "despois de moitos meses de incerteza" os postos de traballo "quedan asegurados".
Pola súa parte a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, cre que a sentenza "será recordada por inxusta e inexplicable". "Sabemos que as multinacionais teñen poderes na sombra pero non pasarán por enriba da dignidade de Pontevedra e de Galicia", sinalou Pontón en redes sociais.
As accións da pasteira subiron este martes na bolsa un 27%.
Longo proceso xudicial
Os feitos analizados polo Supremo remontábanse a 2016, cando o Goberno en funcións de Mariano Rajoy concédelle a Ence unha prórroga para continuar coa súa actividade na ría de Pontevedra ata o ano 2073.
Contra esa decisión recorreron o Concello de Pontevedra e a asociación ecoloxista Greenpeace. En 2021 a Audiencia Nacional declara a nulidade desa prórroga da concesión de dominio público marítimo terrestre na que se asenta a factoría.
A Audiencia Nacional concluía que dita autorización infrinxía a Lei de Costas que, entre outras cuestións, só permite actividades no dominio público marítimo-terrestre que pola súa natureza, non por razóns de interese ou conveniencia, non poidan situarse noutro lugar.
Nese momento, o Goberno, xa presidido por Pedro Sánchez, non recorre esta decisión. Si o fan a propia Ence e outras entidades, como a Autoridade Portuaria de Marín, que continúan co litixio que este martes resolveu o Tribunal Supremo.