Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo deixa en seis anos de cárcere a condena ao expresidente de Pescanova

O Supremo deixa en seis anos de cárcere a condena ao expresidente de Pescanova

O Alto Tribunal sentenza que Fernández de Sousa é culpable de falsear as contas e a información financeira da empresa e de alzamento de bens, pero reduce en dous anos a condena de prisión

A sentenza tamén establece que deberá indemnizar os investidores prexudicados con máis de 125 millóns

G24.gal 15/02/2023 14:32

O Tribunal Supremo (TS) condenou o expresidente executivo da vella Pescanova ou Pescanova S.A., Manuel Fernández de Sousa-Faro, a seis anos de prisión como autor dun delito continuado de falsidade nas contas anuais, falseamento de información económica e financeira e alzamento de bens.

A través dun comunicado, a Sala Penal do TS informou tamén de que Fernández de Sousa deberá indemnizar xunto a empresa con máis 125 millóns os investidores prexudicados polos seus actos, tanto empresas como particulares.

Deste xeito o Supremo estima, en todo ou en parte, os diferentes recursos interpostos contra a resolución ditada pola Audiencia Nacional no coñecido como caso Pescanova. Mantense a condena contra o presidente do grupo como autor deses delitos e tamén a condena da súa muller como cooperadora necesaria do alzamento de bens. Descártanse, ademais, respecto do acusado, as circunstancias atenuantes de confesión, reparación do dano e estado de necesidade incompleto.

Con todo, absolve a Fernández de Sousa, igual que o resto dos acusados, dos delitos de falsidade en documento mercantil e estafa agravada, que igualmente se lle atribuían, ao entender o Tribunal Supremo que non concorre engano, causal ao desprazamento patrimonial, padecido polas entidades financeiras.

Mantéñense tamén as condenas, como cooperadores necesarios do delito de falsidade nas contas anuais, de varios executivos da compañía, aínda que se lles impón a menor pena por aplicación das previsións do artigo 65.3 do Código Penal.

A sentenza do Tribunal Supremo absolve o auditor externo de Pescanova, así como a compañía auditora e, en termos de responsabilidade civil, a aseguradora desta. Considera que a resolución recorrida ten por probada e describe por parte do auditor unha conduta descoidada ou desatenta, pero non o comportamento doloso que resulta esixible respecto dos delitos polos que foi condenado en primeira instancia.

Son absoltas tamén dúas compañías, que foran condenadas como cooperadoras necesarias do delito de alzamento de bens.

Apréciase respecto de todos os condenados a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade