O Supremo resolve a favor da eólica mariña
O Supremo resolve a favor da eólica mariña
O Alto Tribunal avala a ordenación do espazo marítimo ao tombar o recurso do sector da pesca
O Tribunal Supremo (TS) avalou o Real Decreto 150/2023 polo que se aproban os plans de ordenación do espazo marítimo das cinco demarcacións mariñas españolas ao non apreciar desviación de poder ou arbitrariedade.
Os maxistrados da Sala do Contencioso-Administrativo desestimaron o recurso que presentou a Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños.
A plataforma denunciaba que o real decreto presentaba un "rumbo evidente" ao priorizar a implantación da enerxía eólica mariña en "detrimento" do sector pesqueiro, ignorando "conscientemente a existencia de zonas de pesca preexistentes"
O Supremo desestima os argumentos da plataforma e conclúe que "non pode sosterse que o planificador esquecese a presenza da actividade pesqueira nin a súa interacción coa eólica".
Para os maxistrados, os plans recorridos tomaron en consideración nas súas decisións de ordenación unha "copiosa información relativa á actividade pesqueira", e obrigan, ademais, a ter en conta en "todo momento" a actividade pesqueira desenvolvida nas zonas seleccionadas para a enerxía eólica.
O tribunal engade que "as decisións adoptadas en relación coa actividade pesqueira e a eólica mariña parten dun complexo proceso de consulta e negociación entre os distintos sectores afectados, con intereses contrapostos, e foron tomadas razoadamente, tendo á vista as necesidades de todos e cada un dos sectores afectados, sobre a base dunha copiosa información técnica e científica, accesible ao público".
O Supremo acordou condenar a plataforma en custas por importe máximo de 4.000 euros.