España abre o seu mar á eólica mariña, por Venancio Salcines
OPINIÓN
España abre o seu mar á eólica mariña, por Venancio Salcines
España abre as portas á eólica mariña, a cuestión é que sexa quen de atravesala. É certo que necesitamos enerxía galega, e digo galega porque é así, galega. Cos sistemas actuais pódese vencellar a nosa enerxía coas nosas empresas e facelo de tal xeito que supoña unha vantaxe competitiva. Pero se non temos enerxía non temos nada que vencellar, e agora mesmo non a temos.
O real decreto do Goberno está feito para facer amigos, e agradécese, pero tamén sabemos que as renovables, coa minería e outras industrias, é campo de batalla das forzas políticas que están á esquerda do PSOE.
O espazo mariño para utilizar non acada o 0,5 % da superficie total, as concesións serán de cincuenta anos e será obrigada unha fase de diálogo público entre os afectados e os promotores de tal xeito que as conclusións dese dialogo serán incorporadas á orde ministerial que convoque o procedemento de concorrencia competitiva.
O modelo sobre o papel parece axeitado, pero en Galicia cando falas de renovables sempre aparece o xogo político. Será esta vez igual? Non o sei; o que si que teño claro é que houbo un tempo no que eramos cabeza de España e agora somos o furgón de cola. E estar á cola dun cambio económico nunca é bo.