Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo fixa que é a empresa quen debe asumir a baixa médica dun traballador que non estea dado de alta

O Supremo fixa que é a empresa quen debe asumir a baixa médica dun traballador que non estea dado de alta

O Supremo considera que, se o traballador non está en alta, "a responsabilidade do pago do subsidio recae directa e exclusivamente sobre a empresa"

G24.gal 18/03/2024 11:21

O Tribunal Supremo considera que é a empresa, e non a Seguridade Social, a que debe facerse cargo da baixa médica dun empregado que sufriu un accidente non laboral, aínda que non tivese dado de alta o traballador.

Nunha sentenza datada o pasado 21 de febreiro, a sala do social rexeita o recurso dunha empresa contra un fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) de maio de 2020. O caso remóntase a 2014, cando unha empregada, que desempeñaba labores de comercial desde xuño dese ano, sufriu en setembro, fóra do seu horario laboral, unha fractura pola que causou baixa ata maio de 2015. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) denegou a prestación por non atoparse a empregada de alta ou situación asimilada no momento dos feitos.

O que aclarou o Supremo, nunha sentenza de unificación de doutrina, é se en prestacións por incapacidade (neste caso temporal) derivada de accidente non laboral, cando o empresario incumpre as súas obrigacións de dar de alta e cotizar, o INSS debe ou non responder subsidiariamente o pago (aquí do subsidio).

Neste caso, a empresa infractora é insolvente, indica o Supremo, e non existe unha mutua colaboradora que puidese facelo. O INSS denegou a prestación de incapacidade temporal (IT) por non atoparse a traballadora en alta ou situación asimilada á de alta na data do feito causante da prestación.

A traballadora solicitou que a responsabilidade de aboar a prestación económica da súa incapacidade temporal, derivada dun accidente non laboral, recaese sobre o empresario, asumindo o INSS a de carácter subsidiario. Tras analizar a lexislación vixente, o Supremo considera que, se o traballador non está en alta, "a responsabilidade do pago do subsidio recae directa e exclusivamente sobre a empresa".

Non existe obrigación algunha de anticipo para a Seguridade Social nin para a mutua, se é esta a que cobre na empresa tales continxencias, debido a que en tal caso non rexe o principio de automaticidade das prestacións, aclara a sentenza. Tampouco xorde ningunha responsabilidade subsidiaria para o INSS, ou a mutua no seu caso, pola insolvencia patronal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade