Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo rexeita compensar a Audasa polas perdas sufridas durante a pandemia

O Supremo rexeita compensar a Audasa polas perdas sufridas durante a pandemia

A concesionaria da autoestrada reclamou inicialmente 46,1 millóns de euros

O Alto Tribunal lembra: "A concesionaria non pode gañar sempre o que quere"

G24.gal 16/04/2024 12:40 Última actualización 16/04/2024 13:05

O Tribunal Supremo desestimou o recurso contencioso-administrativo interposto por Audasa contra o acordo de Consello de Ministros que rexeitaba a súa petición de compensación polas perdas durante a pandemia de covid e "tomba" a pretensión da concesionaria da autoestrada AP-9 de ser indemnizada.

A empresa reclamou inicialmente 46,1 millóns de euros, aínda que rebaixou a cantidade de maneira subsidiaria no seu recurso ata os 28,5 millóns no caso de que non se aceptasen diversas cantidades superiores.

A concesionaria da Autoestrada do Atlántico expuxo ante o Supremo varios argumentos para reclamar a compensación, entre eles a inconstitucionalidade de varias medidas e normas adoptadas polo Goberno, unha presunta discriminación ou a suposta perda de dereitos consolidados.

Así mesmo, cuestionaba que a normativa que regulou as compensacións por perdas durante a pandemia facía unha interpretación moi restritiva sobre as condicións que debían cumprirse para acceder ao reequilibrio económico das concesións, entre outras cuestións.

O Supremo rexeita os argumentos presentados por Audasa

O Alto Tribunal, apelando a diversa xurisprudencia, rexeitou na súa sentenza (do pasado 15 de marzo) que as normas aplicadas incorresen en inconstitucionalidade.

Sinalou tamén que a concesión de Audasa non pode acollerse aos mecanismos de reequilibrio invocados pola recorrente, xa que nin o prego nin a lei de autoestradas recoñecen ese reequilibrio "dun modo xeral". Na sentenza, o lexislador explica:  "O fundamento dese reequilibrio non consiste en que o concesionario gañe sempre o que el quere", explicou na súa sentenza.

O Alto Tribunal engade que "non é posible considerar que a momentánea perda de ingresos durante un breve período" vaia alterar substancialmente a economía da concesión ou impedir a continuidade da mesma, e lembra que a pandemia e a crise económica afectaron toda a poboación e a actividade económica, sen que as perdas fosen reparadas para o resto de contratos.

De feito, na súa resolución advirte de que Audasa "confunde o interese público co interese da súa empresa e os seus empregados".

Audasa recuperou en 2021 as perdas sufridas durante os primeiros meses da pandemia

En 2020, a concesionaria da autoestrada A-9 experimentou unha redución nos seus beneficios, que caeron a 33,7 millóns de euros, tras unha baixada do 28 % no tráfico.

Con todo, a empresa recuperou o pulso ao ano seguinte, cun beneficio de 50,7 millóns de euros, mesmo por encima dos 42,3 millóns obtidos en 2019.

No exercicio 2022, os beneficios eleváronse ata os 66,1 millóns de euros e, no de 2023, alcanzou a súa cifra récord, con 82,6 millóns de euros de beneficio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade