Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo rexeita anular a causa contra Baltar por circular a 215 quilómetros por hora

O Supremo rexeita anular a causa contra Baltar por circular a 215 quilómetros por hora

O senador do PP e expresidente da Deputación de Ourense alegaba que xa fora sancionado con 600 euros e a perda de 5 puntos do carné, polo que non procedía continuar pola vía xudicial 

A xuíza instrutora resposta que, en caso de chegar a xuízo, será ao tribunal a quen competa ponderar a cuestión

EFE 01/02/2024 16:07

A maxistrada do Tribunal Supremo, Ana Ferrer, rexeitou a petición do senador do PP José Manuel Baltar Blanco de anular a causa aberta contra el por circular nun coche oficial a 215 quilómetros por hora nun tramo limitado a 120 o 23 de abril do ano pasado.

A xuíza que investiga o procedemento por un delito contra a seguridade viaria rexeitou a solicitude do senador, que alegou a nulidade da causa por ser xa multado con 600 euros e perda de 5 puntos do carné de conducir en vía administrativa.

Nun auto, a maxistrada lembra que, en caso de chegar a xuízo, será o tribunal sentenciador a quen competa ponderar a cuestión.

En calquera caso, recorda que a doutrina europea recoñece aos Estados a facultade de optar por respostas xurídicas complementarias a determinados comportamentos socialmente inaceptables, como o incumprimento das normas de tráfico, sempre que non sexan excesivas.

E explica que, segundo sinala o Tribunal Constitucional e o propio Supremo, cando o procedemento administrativo concluíu nunha sanción firme e executada, esta descóntase da sanción penal.

No mesmo auto, a instrutora accede á petición da defensa e solicita á Garda Civil que informe sobre as especificidades de determinados modelos de radar, sobre onde se atopaba situado o que detectou o vehículo que conducía Baltar na autoestrada A52, e sobre o funcionamento dos aparellos que imprimen as multas.

A xuíza rexeita polo momento a petición da Fiscalía para elevar suplicatorio ao Senado para proceder penalmente contra o senador e deixa a solicitude pendente de resolver.

O Supremo abriu causa a Baltar ao apreciar que puido incorrer nun delito contra a seguridade viaria cando, o 23 de abril de 2023, circulaba a 215 quilómetros por hora nun tramo da autovía A-52, á altura da comarca zamorana de Seabra, limitado a 120.

Con todo, o tamén expresidente da Deputación de Ourense rexeitouno o pasado decembro na súa comparecencia ante a xuíza, ao soster que nunca pasou de 200 km/h, o mínimo para que sexa considerado delito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade