Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo rexeita que se compaxine traballo remunerado con pensión de grande invalidez

O Supremo rexeita que se compaxine traballo remunerado con pensión de grande invalidez

O tribunal considerou incompatible que un home cobrase a súa pensión vitalicia mentres traballaba a tempo completo e estaba dado de alta na Seguridade Social

Foto de arquivo / Europa Press Foto de arquivo / Europa Press
G24.gal 03/05/2024 16:36 Última actualización 03/05/2024 17:12

O Tribunal Supremo rexeitou que un traballador ao que se lle recoñeceu unha incapacidade permanente por grande invalidez poida cobrar a pensión correspondente se traballa, a non ser que se trate de labores marxinais, intranscendentes e que non precisen de alta na Seguridade Social.

Nunha sentenza de unificación de doutrina datada o pasado 1 de abril á que tivo acceso Efe, a sala do social viu o recurso presentado contra un fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA). O que abordou o Supremo é se recoñecer unha grande invalidez a un traballador da ONCE é compatible co feito de que continúe vendendo cupóns da devandita organización.

Os feitos remóntanse a 2017, cando a un traballador, peón agrícola, se lle recoñeceu unha incapacidade permanente total para o desempeño das súas funcións, e comezou a vender cupóns da ONCE. En xaneiro de 2018 pediu a revisión do grao de invalidez, que lle foi denegada, polo que realizou unha demanda tras a cal se lle recoñeceu a grande invalidez, pero a Seguridade Social rexeitou aboarlle a prestación.

O periplo xudicial chegou ao TSXA, que decidiu que a pensión era incompatible coas rendas derivadas do traballo, xa que "a función daquela é substituír a falta destas, concluíndo que non hai lugar a despachar a execución solicitada", é dicir, a abonarlle a pensión.

Na súa sentenza, o Supremo lembra que a lei xeral da Seguridade Social dispón que "as pensións vitalicias en caso de incapacidade permanente absoluta ou de grande invalidez non impedirán o exercicio daquelas actividades, sexan ou non lucrativas, compatibles co estado do incapacitado e que non representen un cambio na súa capacidade de traballo a efectos de revisión".

Pero os maxistrados explican que debe interpretarse que esta norma "se refire única e exclusivamente a aqueles traballos de tipo marxinal e intranscendente, no sentido de ser de mínima significación e relevo". 

Os traballos compatibles con estas prestacións de incapacidade (permanente absoluta e grande invalidez) "son aqueles de carácter marxinal e de pouca importancia que non requiran darse de alta, nin cotizar por eles á Seguridade Social; é dicir os residuais, mínimos e limitados". É dicir, ningún que permita a obtención de rendas e a inclusión no réxime xeral da Seguridade Social

A pensión de invalidez ten, por tanto, unha función de "substitución das rendas salariais que xa non se poden obter no exercicio da actividade laboral", engade a sentenza. Por iso considera incompatible compatibilizar unha pensión por grande invalidez co traballo a tempo completo nunha determinada actividade laboral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade