Cazadores de Guitiriz sementan trigo e soia para alimentar e refuxiar perdices e coellos
Cazadores de Guitiriz sementan trigo e soia para alimentar e refuxiar perdices e coellos
Fan as plantacións debido á desaparación do hábitat natural das perdices e dos coellos
O Tecor de Guitiriz vai sementar 6 hectáreas de cereal nunha trintena de terreos repartidos por varias parroquias e cedidos polas comunidades de montes.
A finalidade é facilitar que os animais, unhas 1.200 perdices e un milleiro de coellos, teñan onde alimentarse e dispoñan dunha maior protección ante os ataques dos depredadores. As colleitas non serán recollidas, senón que quedarán no campo en seis parroquias da zona.
"Facémolo coas comunidades de montes porque cos particulares os terreos teñen que estar cedidos por cinco anos. E facémolo para que a caza teña comida e refuxio. Imos experimentar co trigo e coa soia", di Jesús Veres, presidente do Tecor de Guitiriz.
Como paso previo á solta no monte, os cazadores crearon ata catro biotopos para que se aclimaten os animais. Tocante á razón para realizaren as plantacións, sinalan que radica na desaparición rexistrada nos últimos anos do hábitat natural da caza menor.
"Se non teñen onde comer, teñen que sobrevivir. A proba é que van xunto ás casas, aos colectores e a todo", explica Francisco Javier García Rodríguez, cazador e comuneiro de Trasparga.
"O hábitat da caza menor agora é todo plantacións e pradeiras. Non teñen comida nin refuxio nin nada. Se soltamos a caza e non ten comida, non facemos nada", asegura o presidente do tecor.
O proxecto, para o que dispoñen dunha axuda de 1.800 euros por parte de Medio Ambiente, limita a superficie a 2.000 metros cadrados por cada terreo sementado con trigo ou con soia.