Publicador de contidos
Publicador de contidos

O temor á seca incrementa a demanda de facer pozos

O temor á seca incrementa a demanda de facer pozos

Empresas do sector aseguran que teñen dificultades para cubrir a demanda 

G24.gal 25/08/2023 16:21

A preocupación ante unha seca e as conseguintes medidas restritivas fixo medrar o número de pozos particulares en Galicia. A suba foi especialmente acusada o ano pasado, pero a tendencia continúa este verán.

Segundo informa Augas de Galicia, da que depende a conca Galicia-Costa, hai xa máis de doce mil seiscentos pozos privados inscritos. As empresas do sector comentan que o ano pasado non eran quen de atender a gran demanda para facer pozos a particulares. No que levamos de ano, a tendencia segue aínda que máis moderada pola suba do prezo das materias primas e do gasóleo que fan incrementar o prezo final.

Agosto e setembro son os meses de máis traballo para as empresas de pozos e sondaxes. Casos como o das prealertas por escaseza de auga en Pontevedra e Camariñas, ou as restricións no concello da Coruña, activan a preocupación ante a seca e elevan a demanda.

"A demanda agora mesmo é moi alta e estamos, non saturados, pero si temos gran demanda de traballo. Debido ás secas que están vindo a xente demanda pozos privados tamén para facer fronte, por esa mesma seca, aos cortes de augas públicas ou mesmo privadas, para rego", di Diego Álvarez, xerente dunha empresa de sondaxes.

As peticións para facer pozos non cesan. Aínda que os encoros galegos no seu conxunto atópanse en cifras próximas ao sesenta e catro por cento da súa capacidade, as posibles limitacións puntuais seguen preocupando. Iso si, a tendencia á alza moderouse pola suba de prezos.

"Hai demanda pero non tanta como o ano pasado polos incrementos do prezo, suba do gasóleo e dos materiais e a suba no prezo final á xente bótaa un pouco para atrás. O incremento pode ser dun 30 % respecto de antes da pandemia", sostén Álvarez.

Nos últimos anos os profesionais do sector observan un cambio. Cada vez é necesario baixar máis metros para acadar a auga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos