O tempo treboento xera máis dores de cabeza, malestar xeral e mal humor
O tempo treboento xera máis dores de cabeza, malestar xeral e mal humor
As farmacias cofirman o aumento de vendas de analxésicos os días de treboada
O maior número de raios deste venres rexistrouse entre as 16:00 h e as 18:00 h, sobre todo, nas zonas altas de Galicia
As treboadas descargaron con forza, como estaba previsto, no interior da provincia de Pontevedra e nas montañas de Lugo e Ourense.
No concello pontevedrés da Cañiza fíxose noite a media tarde e só iluminaban os lóstregos. A caída de raios foi importante aquí e máis nas zonas da Fonsagrada, Friol, Castrocaldelas e macizo central.
Un tempo treboento co que levamos xa semanas e que nos afecta fisicamente máis do que cremos.
Sentimos no corpo o bochorno previo aos trebóns e o aire cargado de electricidade. As baixas presións atmosféricas poden sentarnos mal. Na rúa quéixanse de dores de cabeza, esgotamento, pesadez, tristura e mal humor.
E confírmanolo Laura Martínez, farmacéutica.
"Normalmente en días de treboada veñen máis pacientes, si, con máis dores de cabeza, malestar, que se notan un pouco descolocados".
Un estudo feito no Xapón confirmou que os episodios de dores de cabeza e xaquecas coincidían coa caída do barómetro e co aumento das vendas de analxésicos. Laura Martínez confirma que venden máis antigripais, paracetamol e termómetros.
"Os días de trebaoada adoita enfermar máis a xente, algún constipado, entón tamén antigripais, dependendo de cada persoa".
Podería deberse a que a caída da presión interrompe o sistema cerebral que axuda a manter o equilibrio e de aí os mareos e dores de cabeza que se poden tratar na farmacia ou acudir ao médico. Tamén aplicar na casa os remedios de cada un como refrescarse, distraerse e, sobre todo, agardar a que chova.