O temporal eleva os prezos do marisco e o peixe na véspera de Noitevella
O temporal eleva os prezos do marisco e o peixe na véspera de Noitevella
O que máis sobe son as cigalas, as nécoras, os percebes e o peixe salvaxe
As uvas da sorte, a 3,50 o quilo, son outro dos produtos máis buscados hoxe
Os que agardaron á última hora pode que hoxe, e menos aínda mañá, atopen o peixe ou o marisco que buscaban para celebrar a fin de ano. Igual que sucedeu en Noiteboa, o temporal coinicide co momento de maior demanda do ano.
"Comprade hoxe porque vén un supertemporal, os barcos van quedar amarrados e mañá sábado haberá moi pouca cousa. Péscase menos nécora, cóllese menos centola, hai moita demanda e o produto sobe", di Miguel Galván, na praza de abastos de Santiago.
Os que máis subiron foron as nécoras, os percebes e as cigalas, a 90 euros o quilo, tamén algúns peixes salvaxes como a robaliza. Así é todo, aquí din que queda produto a prezos razoables, tendo en conta as datas e as calidades.
"A centola está a 35 euros o quilo, eu non a vexo cara, vai chea", comenta Milagros Arca.
Malia que moita xente cea fóra en Noitevella, aínda é moito o cliente tradicional que busca produto fresco á última hora, aínda que haxa que rañar o peto.
"Sacas os aforros aínda que sexa, pola ocasión"; "Eu conxelado o marisco non o quero, na casa ninguén quere que pase polo conxelador, nótano".
E case ninguén quere quedar sen as tradicionais uvas da sorte. "Están todo o ano igual, a 3,50 o quilo a uva de fin de ano", explica Jesús Sánchez, na froitería.
E se lles molestan as pebidas das uvas, poden mercalas sen elas. Dan a mesma sorte, pero custan case o dobre. O caso é despedir con bo sabor de boca o ano e darlle a benvida ao 23 cunha ración extra de fortuna.