O traxecto entre Vigo e Pontevedra é o máis percorrido entre cidades galegas
Cada día desprázanse entre esas dúas urbes da provincia de Pontevedra arredor de 16.000 persoas
A Coruña-Santiago é o segundo treito máis usado entre as cidades galegas, cuns 10.000 desprazamentos diarios
Por estudos, traballo ou simplemente lecer. Os desprazamentos entre Vigo e Pontevedra son os máis habituais entre cidades galegas. Nótase no tren, con viaxes de apenas 15 minutos. E tamén nos autobuses, con frecuencias cada media hora nos momentos de maior demanda.
"Na estación de Vigo vese o movemento continuamente entre ambos lugares, non só por traballo, tamén por lecer. Nótanse os cambios cando chove ou fai sol. Cada vez úsao máis xente (o autobús), sobre todo dende o cambio de localización da estación", explica María Solla, xerente de Monbus-Estación de Vigo.
Boa parte desas 16.000 persoas que enlazan cada días as dúas pincipais cidades da provincia de Pontevedra, fano en coche pola autoestrada AP-9.
"Non hai alternativa porque ir pola estrada nacional leva 20 minutos máis e é máis perigoso. Non se entende como estamos pagando unha estrada cando é a única alternativa", denuncia Diego Maraña, presidente da Asociación de Consumidores En Colectivo.
O segundo enlace máis empregado entre as urbes galegas é o que une A Coruña e Santiago, cuns 10.000 viaxeiros por xornada. A Coruña-Ferrol rexistra en días laborables uns 6.000 movementos.
Son datos dun estudo de mobilidade do Ministerio de Transportes grazas aos sinais que emiten os teléfonos móbiles.