Os incendios arrasan máis de 17.000 hectáreas en Galicia
Os incendios arrasan máis de 17.000 hectáreas en Galicia
Os incendios en Galicia queimaron xa 17.000 hectáreas, unha estimación de carácter provisional ata que se realice a medición final, e, deses lumes, quince son os principais, dous dos cales son os que máis preocupan, os de Carballeda, en Ourense (6.500 superficie afectada) e Folgoso-A Pobra do Brollón, en Lugo (4.500).
No saldo hai que incluír as casas ardidas, as medidas preventivas por proximidade a núcleos habitados e a suspensión da circulación do AVE entre Madrid e Galicia.
No Courel (Lugo) e Valdeorras (Ourense) están a vivir o maior inferno desta secuela. No primeiro caso houbo unha amálgama entre os lumes de Vilamor e de Saa, con 4.500 hectáreas arrasadas. No segundo, a superficie afectada polas chamas suma xa 6.500 hectáreas.
Trinta núcleos desaloxados
O presidente da Xunta Alfonso Rueda confirmou que trinta núcleos de poboación tiveron que ser desaloxados nas provincias de Lugo e Ourense nas últimas horas como consecuencia dos incendios forestais, que afectan de forma especial ás zonas de Folgoso do Courel e Valdeorras, e a situación neste momento segue sendo “moi complicada”.
Segundo o parte da Consellería do Medio Rural, con datos ata as 19:15 horas, oito lumes seguen activos, tres estabilizados e catro atópanse baixo control.
A situación dúas, medida decretada cando hai proximidade a núcleos de poboación, mantense en Folgoso-A Pobra-Seceda desde as 15:23 deste 18 de xullo. Tamén en Carballeda (Riodolas), na provincia ourensá. Mentres, en Oímbra (Ourense), solicitouse que se desactive a situación dous de emerxencia no incendio que entrou desde Portugal e que afecta á parroquia de San Cibrao e tamén no lume que afecta ao núcleo do Rabal. Isto significaría que xa non hai casas en risco.
Máis de 700 os veciños tiveron que abandonar as súas casas por precaución, ante a proximidade das lapas.
O lume que está a asolar Valdeorras xa empezou o xoves, e a pesar dos medios e dos esforzos non houbo xeito de controlalo ata agora. Leva queimadas sobre 6.500 hectáreas.
Esta tarde cruzou o río Galir e xa está nas aldeas de Éntoma, Raxoá e Millarouso, no concello do Barco. Podemos dicir que esa é a nova zona cero.
O vento, forte e cambiante, é o que fai que as lapas avancen a tanta velocidade e sexan tan difíciles de atallar.
Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón
Outro dos incendios que máis preocupan está na provincia de Lugo. As lapas dos dous focos de Folgoso do Courel uníronse cos dous da Pobra do Brollón ata formar un único incendio.
Na Pobra do Brollón as lapas obrigaron a desaloxar un cento de veciños, que se acubillan no pavillón e noutras casas particulares. Arderon tres vivendas, que son segundas residencias.
En total, no concello de Folgoso, foron desaloxadas unhas 500 persoas de 24 núcleos. Uns cincuenta veciños foron para este pavillón de Triacastela.