Publicador de contidos
Publicador de contidos

O verán arrinca en Galicia cun tempo inestable

O verán arrinca en Galicia cun tempo inestable

Hoxe despídese a terceira primavera máis chuviosa desde que hai rexistros

A partir de mañá o tempo cambia, coa chegada dun anticiclón

G24.gal 20/06/2024 14:11

Galicia dá a benvida ao verán con paraugas, chaquetas e tempo inestable. Despois da terceira primavera máis chuviosa desde que hai rexistros, son moitos os que teñen ansia por poñer os ósos ao sol. "Imos fartos de chuvia, que veña xa o verán"; "Agora que acabamos os exames, os estudantes queremos sol e praia"; "Temos falta de praia, a ver se, polo menos, se arranxa para o San Xoán", din os viandantes.

Aínda que sempre hai quen agradece o fresco e toma con humor iso de non saber nin como vestir polas mañás. "O gorro San Cosmeiro que levo posto úsase para o sol e tamén para a chuvia, se o verán vén chuvioso vale perfectamente para todo"; "O corenta de maio sacas o saio, pero se volve chover vólvelo poñer", din dous veciños de Noia.

Á falta de praia a xente aproveita en Noia para ir ao mercado, ignorando, polo momento, os postos de camisas floreadas, traxes de baño ou viseiras. "Nótase moito o tempo nas vendas, se fai bo a xente sae da casa, e se anima a mercar as cousas de tempada", di unha vendedora do mercado ambulante de Noia.

Pero non desesperen. As previsións falan dunha lixeira mellora do tempo a partir de mañá.

"Galicia quedará progresivamente baixo a influencia anticiclónica desde mañá, as temperaturas aínda serán baixas para a época do ano, pero soben a partir do domingo", explica Ana Lage, meteoróloga de Meteogalicia.

O martes, pasado o día de San Xoán, regresa a incerteza, con dous escenarios posibles: que se manteña o anticiclón ou que regresen as treboadas. Veremos quen gaña a partida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos