O Villa de Pitanxo levaba dous tripulantes máis dos que tiña autorizados
O Villa de Pitanxo levaba dous tripulantes máis dos que tiña autorizados
A Capitanía Marítima de Vigo abriu dous expedientes sancionadores porque a tripulación enrolada non coincidía coa declarada e porque había 24 persoas e non 22 a bordo
O certificado de estabilidade do buque prohibíalle navegar en puntos onde se puidese formar xeo na cuberta
A representación legal da armadora admite unha "infracción administrativa" que non gardaría "a máis mínima relación co sinistro"
A Capitanía Marítima de Vigo ten abertos dous expedientes sancionadores contra o Villa de Pitanxo, segundo a información que adiantou Faro de Vigo. Un deles porque no despacho que autorizou a partida do buque constaban 22 tripulantes, cando en realidade ían 24 persoas a bordo, 21 delas falecidas no naufraxio en augas de Terra Nova. O outro expediente aberto está relacionado co enrolamento do barco. Segundo as autoridades, os nomes que figuran na relación da tripulación non coinciden coas persoas que realmente navegaban no arrastreiro.
Os dous expedientes fóronlles trasladado ao Ministerio Fiscal e están paralizados mentres o caso permanece en mans da xustiza.
Por outra banda, o Ministerio de Transportes confirmou que o certificado de comprobación de estabilidade emitido por Capitanía Marítima para o Villa de Pitanxo lle prohibía navegar por augas en que houbese risco de formación de xeo na cuberta.
Desde a representación legal da armadora Nores, propietaria do buque, admite que houbo unha "infracción administrativa" na formalización do despacho pero asegura que o seu carácter é "meramente formal" e "con nula transcendencia no sinistro". Din tamén que o barco contaba cos elementos de seguridade necesarios para todos os tripulantes a bordo e que o barco estaba debidamente autorizado para navegar en augas de NAFO.
Familiares do biólogo canario Francisco Manuel Navarro, un dos falecidos no naufraxio, explicaron que tanto el como outro dos tripulantes desaparecidos, o cangués Raúl González, ocupaban o habitáculo destinado a enfermaría como camarote, en condicións pésimas de salubridade e espazo.