O Cumio do Clima de Exipto abre coa análise de como indemnizar vítimas do clima
O Cumio do Clima de Exipto abre coa análise de como indemnizar vítimas do clima
A COP 27 debaterá como se vai resarcir os países en desenvolvemento vítimas do cambio climático
A xuntanza desenvólvese en Exipto ata o día 18 e agarda 40.000 participantes
Din que levou un ano de negociacións e que se pechou tras 48 horas de consultas intensas xusto antes de arrancar esta xuntanza. Por vez primeira, un cumio do clima debaterá como compensar os países máis vulnerables polos danos que lles causa un cambio climático do que son máis responsables as nacións desenvolvidas.
Aínda non se sabe se sairá algo tanxible dese debate pero o paso celébrase. O representante de Nacións Unidas lembra que o tema levaba máis de 30 anos flotando e cre que introducilo na axenda é un bo augurio. Para o presidente do cumio, o ministro de Exteriores exipcio, abre a porta a unha negociación máis profunda e transparente.
Este cumio do clima desenvólvese en Sharm el Sheikh. Espera 40.000 participantes, entre eles máis dun cento de xefes de Estado e de Goberno.
O presidente do cumio anterior, o de Glasgow, subliñou que, a pesar dos desafíos xeopolíticos urxentes, non se pode deixar de actuar fronte ao cambio climático.
O secretario xeral da Organización Meteorolóxica Mundial enumerou os peores desastres que ocasionou este ano: secas, inundacións, vagas de calor, incendios forestais... Os meteorólogos recordan que os últimos oito anos foron os máis calorosos desde que hai rexistros e que o nivel do mar está a crecer o dobre de rápido que na década dos 90.