O voceiro da plataforma das vítimas do Alvia di que non hai reparación posible
O voceiro da plataforma das vítimas do Alvia di que non hai reparación posible
Jesús Domínguez admite que o testemuño das vítimas no xuízo é a fase máis dolorosa
Confía en que se castigue os culpables para que non volva suceder
As vítimas do accidente do Alvia comezaron declarar no xuízo que se celebra na Cidade da Cultura. Dez anos despois, ningunha superou as secuelas físicas e psicolóxicas dunha das maiores catástrofes ferroviarias de España, con 80 mortos e 145 feridos.
O voceiro da plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, falounos da dor e da loita que mantiveron todo este tempo para que se castigue os culpables e para que non volva suceder algo semellante.
En total serán 522 os afectados que comparecerán durante os próximos meses. Jesús Domínguez, asegura que a fase civil é a parte máis dura do proceso porque se reviven momentos moi dolorosos.
"As secuelas, perder un ser querido, iso non ten reparación porque hai pais e fillos que nestes case dez anos xa morreron e non van poder ver como se fai xustiza".
Este sobrevivente lembra a loita por coñecer a verdade, os atrancos que tiveron que superar e as neglixencias que foron descubrindo. Cre que Adif é máis responsable que o propio maquinista, e asegura que o que máis lles doe é ver como ninguén quere asumir responsabilidades.
"Queren librar, non saben como e ata a xuíza os reprendeu por como intentaban botar a culpa uns aos outros, é lamentable e tampouco entedemos a avogacía do Estado porque en vez de buscar a xustiza está defendendo a Adif".
Entende que algúns queiran esquecer pero os membros desta plataforma cren que é fundamental coñecer a verdade para que non volva pasar.
"Eu estiven nas vías e o que me fai seguir traballando é que ninguén pase por iso, temos que mellorar a seguridade e a única maneira é que os responsables paguen e os técnicos, antes de asinar algo, vexan que realmente se cumpre a normativa e as cousas están ben feitas".