Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Xirona de Marc Gasol xa é equipo da ACB

O Xirona de Marc Gasol xa é equipo da ACB

Derrotou na final polo ascenso a un histórico como o Estudiantes

G24.gal 19/06/2022 21:23

Cando o reloxo chegou a cero desatouse a euforia en Fontajau. O Basquet Xirona convertíase en equipo da ACB, un club fundado en 2014 que devolvía o baloncesto de máxima categoría á cidade catalá 14 anos despois. É o éxito dun proxecto, o de Marc Gasol, que desde que baixou dos despachos á cancha mudou o destino dun equipo.

Tíñao na man. Partido definitivo na casa fronte ao Estudiantes, nun pavillón ateigado e cunha boa saída que lle permitiu abrir un oco importante. Johnny Dee minimizaba os danos sobre a bucina. Menos catro para os colexiais no descanso. O terceiro cuarto parecía decidir o triunfo xerundense. O exobradoirista Sabat marcaba unha máxima vantaxe de 14 puntos. A xestualidade do Estudiantes transmitía derrotismo pero os xogadores de Diego Epifanio foron capaces de reaccionar.

Beirán asumiu galóns e Lucas Faggiano deixou a desvantaxe en só dous puntos. Daquela apareceron os mellores xogadores na ofesiva do Xirona para decidir con cadansúa canastra Primeiro Fjellerup e despois, como non, Marc Gasol, aseguraron a vitoria e o ascenso. Todo un campión do mundo e da NBA puido celebrar o seu triunfo máis persoal. Nin a lesión nun dos seus xeonllos llo impediu. A afección do histórico Estudiantes choraba. Terán que agardar un ano máis. O premio só era para un, e ese un foi o Xirona, que o ano que vén compartirá destino co Breogán e mais o Obradoiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos