Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xornalista vasco Pablo González, liberado nun intercambio de presos entre Polonia e Rusia

O xornalista vasco Pablo González, liberado nun intercambio de presos entre Polonia e Rusia

Levaba case dous anos e medio nun cárcere de Polonia acusado de espiar para Rusia

G24.gal 01/08/2024 17:51 Última actualización 01/08/2024 18:38

O xornalista vasco Pablo González, encarcerado desde hai máis de dous anos e cinco meses en Polonia acusado de espionaxe, foi liberado e trasladado a Rusia, o seu país de nacemento, nun intercambio de informadores presos entre ambos os países, segundo un comunicado remitido este xoves polo seu avogado.

Pablo González, residente en Gernika (Biscaia) e que posúe a dobre nacionalidade rusa e española, foi detido na fronteira de Polonia con Ucraína poucos días despois de comezar a invasión de Rusia, en febreiro de 2022, acusado de espiar para ese país.

Para a súa contorna, a súa liberación "marca un fito significativo en favor da liberdade de todos os xornalistas que se atopan nestes momentos presos en diversos países".

O mes pasado, a muller de González, Oihana Goiriena, participou nun acto en apoio ao seu marido e pediu a Polonia de novo que fixase data para o xuízo e presentase probas contra o seu marido ou o  deixase en liberdade.

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, asegurou en varias ocasións que se ocupaba directamente do caso de González e pedira directamente ao seu homólogo polaco que se presentasen probas contra o xornalista e ser puxese data para un xuízo oral canto antes.

En marzo o Tribunal de Apelación da cidade polaca de Lublin ratificou a prórroga da detención do xornalista.

A lei polaca permite decretar o ingreso en prisión preventiva por un máximo de tres meses, pero no seu caso os tribunais atenderon as sucesivas peticións da Fiscalía para prorrogar o seu encarceramento.

O comunicado destaca que "as razóns humanitarias foron primordiais nesta decisión" e valora o "interese real" mostrado por "as autoridades rusas en buscar unha solución a esta situación, mentres que outros se centraron principalmente en criminalizar a Pablo González".

"En nome de Pablo e da súa familia queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas e organizacións, especialmente Free Pablo, que traballaron incansablemente para lograr este resultado", engade.

No intercambio participaron 26 persoas presas en 7 países. Segundo fontes turcas, 10 presos foron trasladados a Rusia, 13 a Alemaña e 3 aos Estados Unidos. O intercambio produciuse nun aeroporto de Ankara. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade