O xuízo contra Daniel Sancho en Tailandia continúa cos testemuños da policía
O xuízo contra Daniel Sancho en Tailandia continúa cos testemuños da policía
Os axentes citados son o coronel da comisaría onde Sancho denunciou a desaparición de Arieta e o que fixo o informe das cámaras de seguridade que permitiron seguir os pasos do acusado
Celebrouse na illa tailandesa de Samui a última sesión desta primeira semana do xuízo contra Daniel Sancho pola morte do colombiano Edwin Arrieta. Nesta sesión testemuñaron dous dos axentes tailandeses que participaron na elaboración do atestado policial.
Asistiron de novo os pais do acusado, que entraron na sede xudicial sen facer declaracións. Quen si respondeu as preguntas dos xornalistas foi o avogado da familia de Arrieta en España.
Juan Gonzalo Ospina destacou a importancia da declaración como testemuñas dos dous axentes tailandeses citados pola fiscalía e que participaron na redacción do atestado policial.
“A declaración dos policías é moi importante porque entendemos que se van ratificar. Nun interrogatorio a defensa pode someter as súas declaracións a contradición, pero estamos convencidos que non haberá sorpresas e ratificaranse nos seus informes”.
Os dous policías citados eran o coronel a cargo da comisaría onde Sancho denunciou a suposta desaparición de Arrieta e o axente que fixo o informe das cámaras de seguridade que permitiron seguir os pasos do cidadán español na illa de Phangan, escenario do crime. En declaracións efectuadas tamén antes de entrar na sala, o avogado de oficio que defende a Sancho dixo que o mozo español actuou en defensa propia e que non tiña intención de matar a Arrieta.
O xuízo retomarase o mércores, unha vez rematadas as celebracións do Aninovo budista en Tailandia.