O xuíz amplia o prazo para que a defensa de Daniel Sancho presente a súa lista de probas
O xuíz amplia o prazo para que a defensa de Daniel Sancho presente a súa lista de probas
O xuíz fixou a celebración da próxima vista para o 12 de decembro
Os avogados da familia Arrieta poderán exercer a súa acusación só para os cargos nos que Sancho se declarou culpable
Na vista celebrada a porta pechada este luns na sede xudicial de Samui, no sur de Tailandia, o xuíz que investiga a morte de Edwin Arrieta decidiu ampliar o prazo para que a defensa do único acusado, Daniel Sancho, presente a súa lista de probas. Á vista asistiron os pais do mozo español e representantes da embaixada de España en Tailandia.
O español enfróntase a tres cargos neste proceso: asasinato premeditado, destrución de documentación allea e danos e facer desaparecer parte do corpo da vítima. Daniel Sancho declarouse non culpable dos dous primeiros mentres que no terceiro admitiu a súa culpabilidade.
O xuíz que instrúe o caso fixou a celebración dunha nova vista para o próximo 12 de decembro. Ademais o xuíz aceptou que os avogados tailandeses representantes da familia do médico colombiano poidan exercer a acusación no xuízo contra o español Daniel Sancho.
A familia de Edwin Arrieta fará a súa acusación adherido á fiscalía e só para os cargos nos que Sancho se declarou non culpable. Segundo recoñeceu a EFE un dos avogados da familia de Arrieta, o principal obxectivo dos representantes da vítima é conseguir unha indemnización que repare o dano causado pola súa morte.