O marido de María Gámez, investigado polo desvío de axudas públicas
O marido de María Gámez, investigado polo desvío de axudas públicas
O PP pide a comparecencia do ministro do Interior no Congreso para que explique a dimisión da xa exdirectora da Garda Civil
Marlaska nega que a súa renuncia estea relacionada cos casos de corrupción Mediador ou Cuarteles
"Recibín unha chamada comunicándome a decisión e non o esquecerei nunca". Primeiras palabras en público de Mercedes González despois de saber que vai ser a próxima directora da Garda Civil. Esta mañá non podía disimular a súa satisfacción polo nomeamento, pero recoñece que lle deixa un sentimento agridoce porque a renuncia de María Gámez é "inxusta".
Mercedes González afronta esta etapa con ilusións renovada e sae ao paso das críticas por non ter formación específica. González, xornalista de formación, di que para ela o mais importante é a capacidade de xestión e aí "aválame o meu traballo á fronte da delegación do Goberno".
A precipitada dimisión de María Gámez sorprendeu a todos. Gámez renunciou ao coñecerse que o seu marido foi imputado por prevaricación, malversación e branqueo. A xustiza investiga se Juan Carlos Martínez recibiu fondos da Junta de Andalucía a través de empresas do seu irmán. Segundo algúns medios, a cifra total que investiga a xustiza sería de 2 millóns de euros.
Os feitos remóntanse a unha etapa en que Gámez era alto cargo do Goberno andaluz; e a renuncia chega nun momento en que a Garda Civil está no foco da polémica por dous casos de corrupción, Mediador e Cuarteles. O ministro do Interior desliga a renuncia desas investigacións e amosouse disposto a comparecer tantas veces coma sexa necesario para "negar unha falsidade dese tipo".
O Partido Popular dubida da veracidade das razóns que deu María Gámez para abandonar o seu cargo e pídenlle explicacións ao ministro do Interior. Feijóo di que se "era tan boa como di Marlaska, non lle tiña que aceptar a renuncia. Iso si é corrupción ou, en todo caso, presunta corrupción". Para o PP, isto demostra que a corrupción está acurralando os socialistas.
O Goberno contrapuxo a súa forma de actuar coa do PP. O ministro da Presidencia, Félix Bolaños di que esta renuncia "amosa claramente onde temos o listón ético os socialistas". Bolaños sostén que Gámez dimitiu "por unha decisión propia que quero pór en valor". O ministros pregúntanse que pasa co PP cando teñen casos semellantes. E cita casos coma o da alcaldesa de Marbella ou o exministro do interior Fernández Díaz, os dous investigados pola xustiza. Di Bolaños que os socialistas "cando temos indicios de corrupción, actuamos", pero o PP "convive con ela".
O nomeamento da nova directora da Garda Civil farase oficial no Consello de Ministros da próxima semana.