O xuíz Llarena confirma que non amnistiará a malversación a Puigdemont
O xuíz Llarena confirma que non amnistiará a malversación a Puigdemont
Desestima os recursos do expresidente catalán e dos exconsellers Lluis Puig e Antoni Comín, que poderán agora acudir á Sala de Apelacións do Supremo
O xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena rexeitou o recurso do expresidente catalán Carles Puigdemont contra a súa decisión de non aplicarlle a lei de amnistía ao delito de malversación polo que está procesado en rebeldía.
Llarena ditou un auto en que, como era de prever, desestima os recursos de reforma de Puigdemont e dos exconsellers Lluís Puig e Antoni Comín, que agora poderán recorrer a decisión do maxistrado ante a Sala de Apelacións do alto tribunal.
Tamén rexeita os recursos da Fiscalía e a Avogacía do Estado, que reclamaran ao xuíz que aplicase a norma aos procesados. Desestima tamén o recurso de Vox, que solicitaba que non se aplicase a amnistía tampouco ao delito de desobediencia.
Nun auto, o instrutor destaca que a lei deixa fóra da amnistía os delitos de malversación en supostos en que o suxeito actúe "co propósito de obter un beneficio persoal de carácter patrimonial", o que entende que concorre no caso.
Di o xuíz que os procesados "decidiron cargar aos fondos públicos achegados polos contribuíntes o custo" do referendo do 1-O, que era un empeño non só ilegal e contrario á Constitución e ao Estatut de Catalunya, senón alleo ás súas responsabilidades de Goberno e ás competencias da Generalitat.
Puigdemont denunciou a "grotesca arbitrariedade" do xuíz ao non amnistialo polo 1-O e pediu que se lle aplique, como así acordou o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC), o mesmo criterio que exonerou o exconseller Miquel Buch: a malversación perdóase se os fondos tiveron como finalidade o procés. Pero, sobre isto, o xuíz destaca que a interpretación do TSXC é plenamente compatible co que o Supremo sostén.
Así mesmo, o xuíz subliña que tampouco se lesiona a preditibilidade da lei á que fixo referencia o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, no informe que emitiu con ocasión da apertura do novo ano xudicial o pasado 5 de setembro. "A preditibilidade da lei –di o auto- non supón que a norma deba de ser aplicada conforme á aspiración dun procesado que asegura redactar e propoñer a norma con cuxa aprobación busca alcanzar a súa impunidade".
Pola súa banda, dá a razón á dirixente de ERC, Marta Rovira, ao aceptar que o sobresemento da súa causa por desobediencia corresponde á Sala, polo que estima o seu recurso e conclúe o sumario respecto dela.
Puigdemont lamenta volver saber da decisión pola prensa
O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont lamentou que "España" decidise non aplicarlle a lei de amnistía "o mesmo día que decide manter impunes os crimes do franquismo" e afirmou que soubo da decisión "pola prensa".
Nunha mensaxe en X, Puigdemont subliñou que a decisión de Llarena chega o mesmo día en que a titular do Xulgado de Instrución número 50 de Madrid arquivou a querela presentada por Julio Pacheco, o primeiro denunciante de torturas no franquismo que declarou ante un xuíz en España.
El mateix dia que Espanya contradiu el dret internacional humanitari i decideix mantenir impunes els crims del franquisme, resol que no se'ns pot aplicar l'amnistia. I per mantenir les tradicions espanyoles, d'això ens en tornem a assabentar per la premsa. pic.twitter.com/0kdriq27lD
— krls.eth / Carles Puigdemont (@KRLS) September 10, 2024
"E, para manter as tradicións españolas, disto volvémonos informar pola prensa", engadiu o expresident.